O regulamento marco da Reforma da Política Pesqueira Común (PPC), coñecido como Informe Rodust, e que definirá o futuro inmediato do sector pesqueiro galego, no período 2014-2020 continúa avanzando na súa tramitación en Bruxelas. Este luns finalizou o prazo para a presentación de emendas, e calcúlase que superarán ou dous milleiros. O BNG, por exemplo, a través da eurodeputada Ana Miranda, presentou noventa, referidas a temas diversos. A reforma da PPC, a nova Política Agraria Común e a negociación dos fondos estruturais son os tres temas que máis afestan a Galicia entre os que se van negociar en Bruxelas nesta lexislatura, e os tres decidiranse nos vindeiros meses.
A reforma da PPC, a nova Política Agraria Común e a negociación dos fondos estruturais son os tres temas que máis afestan a Galicia entre os que se van negociar en Bruxelas nesta lexislatura, e os tres decidiranse nos vindeiros meses
Unha vez finalizado o prazo de emendas, a norma continuará o seu debate na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo. A previsión é votar este documento, coas emendas que se incorporen, a mediados do mes de outubro, de ahí pasaría ao seu debate e aprobación no Plenario da Eurocámara, onde a previsión é que se vote a finais do mes de novembro.
A proposta inicial, que estipula que o límite máximo para considerar parte da frota artesanal unha embarcación se fixe en doce metros de eslora, deixaría fóra unha parte importante das 4.380 embarcacións que integran a frota artesanal galega. Por este motivo, unha das emendas presentadas polo BNG diríxese a incrementar ese límite, até os 15 metros, e engadindo ademais outro criterio opcional: que realicen mareas que non excedan as 36 horas de duración. Aplicando calquera destes dous criterios terían cabida a práctica totalidade dos barcos galegos de pesca artesanal.
Unha das emendas presentadas polo BNG diríxese a incrementar ese límite, até os 15 metros, e engadindo ademais outro criterio opcional: que realicen mareas que non excedan as 36 horas de duración
Ana Miranda demanda igualmente a supresión do "principio de estabilidade relativa", que establece un reparto de dereitos de pesca por Estados desde 1983, antes do ingreso do Estado español na UE. A emenda do BNG pide a eliminación deste principio porque "ten provocado unha discrepancia notable entre as cotas asignadas aos Estados membros e as necesidades e usos reais das súas frotas, sen garantir que os dereitos de pesca pertenzan as comunidades pesqueiras que lle corresponden".
O BNG tamén se opón con firmeza ás cotas de pesca transferibles, pois considera que se trata da privatización dun ben público
O BNG tamén se opón con firmeza ás cotas de pesca transferibles, pois considera que se trata da privatización dun ben público. En calquera caso, Ana Miranda cre que se finalmente os Estados deciden adoptar un sistema de intercambio, debería ser "voluntario" e a frota artesanal debe "quedar explicitamente excluída", pois doutro xeito se correría o risco de que as cotas fosen acaparadas polo armadores máis poderosos.
Miranda considera finalmente que se debe ser flexible cos chamados "descartes", os peixes doutras especies que entran na rede, e que na actualidade supoñen un desconto da cota que un barco ten asignada para unha especie determinada. Estes descartes penalizan especialmente a unha frota artesanal, coma a galega, que pesca en augas multiespecie.