A planta de Alcoa intensifica as protestas ante unha semana clave para o seu futuro

Protesta dos traballadores de Alcoa na Coruña Dominio Público @colaspieiro

Desde hai xa días, traballadores de Alcoa na Coruña impiden a saída de camións con produto acabado como protesta pola proposta de despido colectivo da empresa. Na primeira hora da mañá deste martes, foron varios os vehículos vetados sen incidentes polos operarios da fábrica de aluminio, que xunto coa de Avilés teñen enriba un expediente de despedimento colectivo que afectaría uns 400 traballadores en cada planta. Unhas 200 toneladas de aluminio non sairán nesta xornada da factoría da Agrela, na que se prevía que once camións trasladasen o produto acabado. Non será así.

Traballadores da planta da Coruña impiden a saída dos camións co aluminio; 200 toneladas non se recollerán hoxe na factoría

É só unha das protestas que se desenvolverán nesta semana fundamental para coñecer o futuro destes traballadores, cuxa situación ameaza non só a súa situación persoal e familiar de cada un deles, senón ao precario mercado laboral galego e ao esmorecido sector industrial do país. Neste martes, o comité de empresa da planta da Coruña non estará presente na xuntanza que se celebrará en Madrid coa compañía para seguir a negociar este despido colectivo. Non deixarán a negociación, pero non acudirán logo de que a multinacional non lles dese máis tempo para analizar a documentación achegada. O vindeiro venres, ás 19 horas, unha manifestación na Coruña berrará contra o peche da factoría da que dependen 400 familias de maneira directa, ademais de moitas outras de xeito indirecto.

Os sindicatos reclamaron á dirección que retirase o expediente de despido colectivo, pero polo momento continúa con el. Alcoa está pendente dunha segunda poxa de interrompibilidade, na que se adxudicarán novos megavatios bonificados ás empresas ao tempo que a factoría se compromete a reducir produción e demadna de enerxía. Tamén dunha nova poxa que debería ser convocada polo Ministerio de Industria, pero nada se sabe dela malia que comités de empresa, partidos políticos, Principado de Asturias e Xunta de Galicia pídenlle ao Goberno central que abra a man e sexa flexible á hora de adxudicar novos megavatios con incentivos.

Alcoa segue adiante co despido colectivo á espera dunha nova poxa da que nada se sabe aínda

Pero o problema vai moito máis aló e insírese nun conflito no que se mesturan o asentado neoliberalismo, a incomprensible tarifa eléctrica e laboral que paga Galicia ou a deslocalización constante de multinacionais como Alcoa, que afronta unha estratexia de retirada que parece evidente: lugares máis favorables para os seus intereses e man de obra máis barata. Todo desde unha xigante compañía que hai máis de quince anos comprou a estatal Inespal. E agora chegan as consecuencias.

A desculpa agora de Alcoa é a perda da subvención por interrompibilidade, unha axuda de Estado ás factorías con elevado consumo de electricidade que, no caso de elevar o exceso de demanda, renunciarían á produción durante un tempo para non desabastecer a sociedade. Pero o caso é que iso nunca sucede polo exceso de produción eléctrica co que conta o Estado.

A subvención por interrompiblidade que reclama Alcoa repercute na tarifa eléctrica que pagan os cidadáns

Aínda así, o caso é que a subvención ás factorías como Alcoa repercute na tarifa eléctrica dos cidadáns, xa que se carga directamente nela, o que suporía un 3% do importe ao que facemos fronte nos nosos recibos. E se non hai axuda, a multinacional ameaza con pechar dúas fábricas no Estado e marchar.

O caso en Galicia é aínda máis polémico, xa que como adoita lembrar a oposición -en especial o BNG desde hai xa anos-, o país é exportador de enerxía mentres soporta uns custos sociais e ambientais pola explotación dos seus recursos naturais polos que non recibe compensación ningunha.

Galicia exporta un 40% da enerxía, é das autonomías que menos consomen e non ten tarifa propia nin recibe compensación ningunha

Segundo os últimos datos sobre o sistema eléctrico español e o balance de enerxía eléctrica por autonomías, Galicia exporta un 40% da enerxía mentres é das comunidades que menos consomen. De aí que o Bloque leve tempo reclamando unha política tarifaria propia para o país. En definitiva, unha tarifa eléctrica galega, que recoñeza os custos reais de producir electricidade no país, e que son moito máis baixos que no resto do Estado ao ser unha potencia exportadora.

Defende o BNG un abaratamento da tarifa eléctrica para Galicia que non só sería positiva para as empresas e o tecido industrial, senón tamén para a cidadanía e a economía en xeral, ao incrementarse a competitividade da economía.

Protesta dos traballadores de Alcoa na Coruña Dominio Público @traballadoAlcoa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.