A poboación parada galega sen prestación aumentou en 8 puntos dende 2011

CC-BY-SA Praza Pública

Os datos do paro rexistrado do último mes de novembro volven deixar Galicia en mal lugar. A recuperación non é nin moito menos suficiente e o país mesmo se converteu no pasado mes de novembro na segunda comunidade autónoma onde máis medrou o desemprego, só por detrás das Balears, cun aumento en máis de 3.000 persoas. 

O paro baixou no conxunto do Estado e subiu en Galicia e, a poucas horas do comezo da campaña electoral, nin tan sequera o PP poderá presumir do balance da lexislatura de Rajoy. Cae o emprego e, durante os catro anos dos populares na Moncloa, perdéronse máis de 25.000 afiliados á Seguridade Social malia descender o paro rexistrado nunhas 28.000 persoas. Xa que logo, hai máis xente desapuntada das oficinas de emprego pero iso non significa que se crease traballo, senón todo o contrario. Moitos emigraron e outros nin tan sequera se inscriben xa no antigo Inem ante a falta de expectativas. 

E en que situación quedan os parados? Pois tamén moito peor. En catro anos, reduciuse a cobertura aos desempregados, así como o número de beneficiarios de prestacións, e xa hai bastantes máis que cobran subsidio por desemprego que os que cobran unha prestación contributiva. 

En Galicia hai 38.000 persoas menos cobrado unha prestación por desemprego malia haber 28.000 parados rexistrados menos

Así, no mes de outubro de 2015 -último mes do que hai datos- había 108.361 persoas cobrando unha prestación por desemprego en Galicia (18.652 beneficiadas menos que hai un ano), fronte ás 146.395 de hai catro anos. Son 38.004 persoas menos que en outubro de 2011, cando agora hai 28.258 parados rexistrados menos. Dos case 110.000 parados que reciben prestación, 51.766 perciben un subsidio por desemprego e 43.565 reciben prestacións contributivas, o que reflicte a gravidade da situación: hai máis percibindo un subsidio por desemprego que unha prestación contributiva, concretamente, 8.201 máis. 

En outubro de 2011, pola contra, había 76.953 persoas no paro cobrando unha prestación contributiva, fronte aos 58.730 precibindo o subsidio por desemprego: 18.223 desempregados máis coa contributiva. Agora, ademais, 11.988 parados cobran a renda activa de inserción -fronte ás 10.712 de hai catro anos- e 1.042 inclúense no programa de activación de emprego.

Hai máis parados galegos percibindo un subsidio por desemprego que unha prestación contributiva: 8.200 máis

Ademais, a cobertura do sistema de protección por desemprego durante o mes de outubro de 2015 foi do 53,2 %, mentres que un ano antes era do 56,7 % e ao comezar a lexislatura do PP, situábase no 61%. Polo tanto, en Galicia hai máis de 95.000 persoas paradas que teñen experiencia laboral mais non cobran prestacións por desemprego.

O 47% dos parados galegos non cobran prestacion ningunha fronte aos 39% de hai catro anos

Xa que logo, o 47% dos parados galegos non cobran prestación ningunha por desemprego, cando hai catro anos, un mes antes de que Rajoy gañara as eleccións, a porcentaxe era do 39%, abranguendo a practicamente a mesma cifra de desempregados, algo menos de 96.000 persoas. En definitiva, a taxa de cobertura é oito puntos inferior unha lexislatura despois, cuns 28.000 parados menos e un gasto en prestación que pasou dos 131,8 millóns de outubro de 2011 aos 84,3 millóns do mesmo mes deste ano.  

Feijóo e Rajoy, nun mitin das autonómicas de 2012 CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.