A pobreza en Galicia mantense nos niveis máis elevados da última década

Natalia (nome ficticio) revisa as facturas do mes © S.P.

Os datos da Enquisa de Condicións de Vida (INE) correspondentes a 2016 amosan unha leve mellora nos indicadores de pobreza en Galicia, mais ao tempo revelan o mantemento dunha situación moi complicada para máis de unha de cada catro persoas no país. A taxa de risco de pobreza e exclusión social sitúase no 25,4%, cun lixeiro descenso dende o 25,7% de 2015 pero aínda consolidada nos niveis máis elevados dende o 2008 e os anos previos á crise.

O dato galego mellora un chisco o do conxunto de España (27,9%) e atópase a medio camiño entre as cifras de Euskadi, Navarra, Cataluña, Aragón, Baleares ou Asturias (por debaixo do 20 por cento) e os moi negativos números de Andalucía ou Canarias (por riba do 40 por cento de pobreza).

Si melloran de forma algo máis clara algúns indicadores parciais que fan referencia a distintos elementos de carencia material e capacidade de compra e consumo. Aínda que o 46,3% dos galegos e galegas afirman que non se poden permitir marchar de vacacións unha semana, esta porcentaxe é sensiblemente mellor que a de 2013 (59,3%). O mesmo sucede coa pobreza enerxética, que afecta ao 9,1% dos galegos e galegas (por debaixo do 14% de 2014). Ou coa porcentaxe de persoas que non se pode permitir comer carne ou peixe cada dous días (1,1%), afortunadamente moi por debaixo do 5,5% de 2013. 

Segmentados eses datos en función da condición sociolaboral, a enquisa amosa que no conxunto do Estado as persoas desempregadas atópanse cada vez máis en situación de pobreza (un 63% deles e delas o está), unha realidade da que é en boa medida responsable a porcentaxe cada vez menor de parados e paradas con prestación de desemprego. O estudo amosa que mesmo un 17% das persoas con traballo se atopan en situación de pobreza, unha porcentaxe que descende lixeiramente en 2016, pero que aínda empeora moito o nivel previo á crise (13,4%).

Así mesmo, o 53,3% das familias monoparentais son pobres, unha cifra que mesmo creceu no último ano e que duplica a media do conxunto de fogares. As familias con nenos e nas menores ao seu cargo seguen a sufrir a pobreza en maior medida que os fogares sen rapazada.

A enquisa tamén indica que en Galicia a renda media por persoa (10.439 euros netos) segue por debaixo dos datos de 2010 (10.504). Ademais, sitúase case 300 euros por debaixo da media española (10.708).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.