A porcentaxe de desempregados que recibe prestacións segue caendo: 36,4%

Vista dunha oficina de emprego © Encomun.es

Só un de cada tres galegos e galegas que se atopan sen emprego reciben algún tipo de prestación. En total son máis de 180 mil galegas e galegos en paro os que non dispoñen de cobertura ningunha, segundo analiza un informe da Fundación 1º de maio. Esta taxa de cobertura sitúase en Galicia no 36,4%, 2,8 puntos menos que no mesmo trimestre de 2012.

No conxunto de España a taxa de protección sitúase no 34,3%, 2,6 puntos menos que no segundo trimestre de 2012. Esta taxa de protección oscila entre o 41,2% de Extremadura e o 27,2% de Balears.

En Galicia as mulleres teñen unha taxa de protección dez puntos inferior á dos homes. A menor taxa de protección téñena os mozos e mozas menores de 30 anos: só un de cada seis percibe prestación, o 17%. En total hai máis de sesenta mil mozos sen prestacións. Nesta idade a taxa feminina é catro puntos superior á dos homes.

A menor taxa de protección téñena os mozos e mozas menores de 30 anos: só un de cada seis percibe prestación, o 17%

As persoas entre 30 e 44 anos teñen unha taxa de protección do 35,8%. Algo máis de un de cada tres percibe unha prestación. Máis de oitenta mil persoas
desta idade non son perceptores de prestacións. A taxa feminina é cinco puntos menor. Os maiores de 45 anos son os que contan cunha taxa de protección maior e, mesmo, só algo máis de un de cada dous está protexido. As mulleres teñen unha tasa vinteoito puntos inferior aos homes.

Vista dunha oficina de emprego © Encomun.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.