A precariedade aumenta en Galicia: seis de cada dez fogares sofren para chegar a fin de mes

Aumentan as dificultades para chegar a final de mes © bestowin.wordpress.com

A precariedade dos galegos segue en aumento. A enquisa conxuntural dos fogares que cada pouco publica o Instituto Galego de Estatística (IGE) así o demostra, ao sinalar que máis de seis de cada dez familias (o 64%) ten dificultades ou moitas dificultades para chegar a fin de mes, case tres puntos máis que no trimestre anterior e quince máis que hai un ano

Só tres de cada dez fogares asegura chegar a fin de mes con facilidade

Ademais, case dous de cada dez fogares (17,83%) teñen moitas dificultades, o que supón o triplo que hai un ano, cando tan só eran o 6,5%, e seis décimas máis que no trimestre anterior. Ademais, catro de cada dez recoñece ter dificultades, mentres que só algo máis de tres de cada dez asegura chegar a fin de mes con facilidade ou moita facilidade.

 A enquisa do IGE vai máis aló, ao sinalar tamén que case tres de cada dez fogares de Galicia non se puido permitir extra ningún no pasado trimestre. Tan só un 7% puido pagarse unha viaxe, vacacións ou estadías de ocio. Estes datos non son máis que o reflexo da redución do aforro nas familias galegas, xa que tan só o 30% deles foron quen de gardar algo.

Case o 40% das familias recoñece ter cambiados os seus hábitos de compra para aforrar

Ademais, á hora de reducir gastos, afrontar pagos nos últimos meses ou aumentar ingresos, case o 40% dos fogares galegos asegura ter cambiado os seus hábitos de compra e optar máis por produtos de marca branca ou en oferta. De feito, case o 44% das familias víronse na obriga de reducir en gastos comúns como transporte, calzado ou roupa, aínda que exceptuando a alimentación.

Pero nin tan sequera iso chega nestes tempos de crise para moitos. Un de cada dez fogares do país tiveron que recibir axuda económica de familiares ou amigos, mentres que perto do 4% do total tomou medidas financeiras para afrontar os problemas económicos. Aínda así, máis do 8% dos fogares recoñecen algún atraso no pago de recibos de obrigado cumprimento.

As expectativas para o vindeiro trimestre non varían moito. Tan só o 7% dos fogares prevén pagarse unhas vacacións, mentres que algo máis da metade recoñece que ten previsto saír a cear, ao cinema ou ao teatro. Se é para aforrar, só o 32% das familias pensan en poder aforrar algo. 

Diferenzas por municipios

A enquisa do IGE analiza tamén a situación dos fogares galegos segundo o tamaño do seu concello. Así, nos municipios de entre 20.000 e 50.000 habitantes é onde maior porcentaxe de fogares admiten dificultades ou moitas dificultades para chegar a fin de mes (69%, fronte ao 31% dos que din alcanzar con facilidade os últimos días de cada mes).  

Nas localidades de menos de 10.000 persoas, un 67% de fogares afirman pasar dificultades, mentres que nos de máis de 50.000 cidadáns, é o 62% das familias as que non dan chegado a fin de mes con tranquilidade.

Traballando nun fogar galego © CCOO

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.