A precariedade laboral das mulleres galegas

Mariscadoras galegas CC-BY-NC-SA Lúcio de Lis

Precariedade, paro, temporalidade e desigualdade. A situación da muller no mercado laboral en Galicia empeora, e moito, por mor da crise. Os diversos informes que os principais sindicatos do país elaboraron con motivo do Día Internacional da Muller para analizar os efectos da recesión no emprego feminino coinciden en destacar a consecuencia "letal" que para elas ten a aplicación da reforma laboral, que acentúa unha destrución de emprego que xa é "brutal" e que aumentan os problemas entre un xénero que sofre as diferenzas salariais desde hai tempo.

Tal e como destaca un último informe de UGT-Galicia, os salarios medios das mulleres foron en Galicia un 23,1% inferiores aos dos homes (o salario medio anual dos homes foi de 20.393 e o das mullleres de 15.688)", o que supón case 5.000 euros menos ao ano. Malia que o dato xa é negativo, o sindicato advirte de que, a causa da crise, "a muller cada vez está sendo máis a sustentadora dos fogares debido á maior incidencia do desemprego entre os homes".

No inicio da crise, dez de cada cen empregos destruídos eran de mulleres; agora xa supoñen o 25%

Pero a tendencia esta a cambiar. Así, tal e como lembra Mabel Pérez, secretaria de Muller de CCOO-Galicia, en 2008 dez de cada cen empregos destruídos eran ocupados por mullleres, mentres que catro anos despois, en 2012, esta porcentaxe ascendeu até o 25%, polo que se "acelera" a perda de emprego feminino, o que evidencia que a perda masiva de emprego masculino durante os primeiros anos da crise "non pode ocultar" a viraxe na tendencia. Da primeira etapa da recesión, que afectou de forma máis intensa aos homes, a unha segunda etapa na que se está a cebar coas mulleres, que suman case 148.000 en paro no país, fronte aos case 145.000 homes, segundo aclara a secretaria de Servizos Sociais e Políticas de Igualdade de UGT-Galicia, Carmen Brea.

Trinta mulleres perderon diariamente o seu emprego durante o pasado ano

Ademais, os datos da CIG son moi clarificadores. Durante o pasado ano, o descenso de ocupación afectou a 10.800 mullleres en Galicia ou, o que é o mesmo, unha media de trinta mulleres perderon diariamente o seu posto de traballo en 2012.

Porque a taxa de paro feminino en Galicia "duplicouse nos últimos cinco anos" até alcanzar o 20%, tal e como destaca a responsable do Gabinete Técnico da central nacionalista, Natividade López, que repara tamén no feito de que "máis de 37.000 mozas galegas" tivesen que emigrar desde o comezo da crise económica en 2008, unha cifra que, de computarse nas estatísticas de desemprego, elevarían a taxa até o 25%.

Unhas 37.000 mozas galegas emigraron desde o comezo da crise económica

Aínda así, a situación laboral para as mulleres segue a ser moi prexudicial. A reforma laboral está a danar especialmente o emprego feminino nos últimos meses, malia que, como denuncian os sindicatos, en moitas ocasións non se visibilizan os seus despidos ao non estar incluídos en grandes ERE ou non ir acompañados de grandes mobilizacións, como ocorre no sector naval.

O aumento do paro no sector servizos e os recortes nos servizos públicos afectan especialmente o emprego feminino

A cuestión agrávase cando se repara na elevada destrución de emprego que se está a dar no sector servizos nos últimos meses, uns datos "moi preocupantes", xa que rachan cunha tendencia e que aumentan a incidencia da crise nas mulleres ao afectar a unha rama de actividade que ocupa "a máis do 80% das mulleres que desenvolven o traballo fóra do fogar".

Algo semellante ocorre coa política de recortes instaurada polos gobernos da dereita e que supoñen "unha dobre penalización" para as mulleres, xa que son maioría neste ámbito e sobre elas acaba recaendo a responsabilidade de suplir os servizos que se deixan de prestar, ben sexa educación, sanidade ou dependencia.

Do mesmo xeito, tamén aumenta o emprego a tempo parcial, o que afecta de maneira especial ás mulleres, que ocupan tres de cada catro postos no traballo temporal, o que acaba por afectar á cotización e ás prestacións por desempergo, que nas mulleres anda sobre o 58%, fronte ao 70,6% dos homes.

Malia todos estes datos negativos, as cifras de poboación activa reflicten que a muller segue a incorporarse ao mercado laboral. De feito, as mulleres activas pasaron de 588.400 en 2008 a 614.300 en 2012, unha boa nova entre unha situación de desigualdade e precariedade que non acaba.

 

Mariscadoras en Noia CC-BY-NC-SA jmlage

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.