USC, UDC e UVigo chaman a erradicar as desigualdades de xénero nas propias universidades

Unha das facultades da Uvigo © Uvigo

39 universidades públicas españolas, que forman a Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria (RUIXEU), veñen de difundir un manifesto con motivo do 8 de marzo que chama a erradicar as desigualdades de xénero nas propias universidades e entre outras cousas denuncia o mantemento nestas institucións de "segregación vertical" "linguaxe sexista" e "fendas de xénero nas retribucións do persoal docente e do persoal de administración e servizos".

"Existen fendas de xénero nas retribucións do persoal docente e do persoal de administración e servizos", derivadas dos complementos económicos vinculados aos méritos de investigación

O texto comeza salientando que "existe unha clara segregación vertical", en referencia á existencia na universidade española de "poucas catedráticas e poucas mulleres nos órganos de representación e goberno, nas direccións de grupos de investigación, nos recoñecementos honoríficos (doutoramentos honoris causa) e nos postos directivos de xestión administrativa". Tamén alerta da "segregación horizontal" que se mantén na escasa presenza de mulleres nas  enxeñarías e as carreiras técnicas.

Denúnciase tamén que na universidade "segue a facerse un uso sexista da linguaxe e non se aposta decididamente por visibilizar as achegas das mulleres á ciencia e ao coñecemento". E criticase que existen "fendas de xénero nas retribucións do persoal docente e do persoal de administración e servizos", derivadas dos complementos económicos vinculados aos méritos de investigación e da "desigual distribución das horas extras e pluses".

"A organización propia do traballo científico caracterízase pola creación de redes ou círculos informais de colexialidade e de poder onde as mulleres permanecen aínda excluídas"

En canto á investigación, o texto alerta de que se reproduce aínda "a nesga de xénero na produción e transmisión do coñecemento científico" pois "a investigación realizada por mulleres ou que aborda novas cuestións ou fenómenos como os estudos de xénero non se valora de forma equitativa en relación con outras temáticas", o que afecta de maneira decisiva á promoción da carreira profesional das investigadoras. Engádese que "a organización propia do traballo científico caracterízase pola creación de redes ou círculos informais de colexialidade e de poder onde as mulleres permanecen aínda excluídas ou contan cunha participación que é escasa".

O manifesto reivindica que as universidades públicas "debe formar profesionais capaces de asumiren e aplicaren no seu labor o valor da igualdade entre mulleres e homes" e "debe situarse na vangarda da defensa de valores éticos e de progreso social", sendo as primeiras "en cumprir coa lexislación" e en "rexeitar todo aquilo que, de forma directa ou indirecta, contribúa a aumentar a fenda social entre mulleres e homes".

"A contribución das mulleres que traballan ou estudan na universidade é fundamental para recuperar o benestar social en España"

Conclúe que "a crise é a ocasión para repensar o modelo de sociedade que queremos" e que "as universidades forman miles de mulleres cuxo potencial é desaproveitado pola sociedade pola persistencia da división sexual do traballo, que tamén desaproveita o capital coidador dos homes". E péchase afirmando que "a contribución das mulleres que traballan ou estudan na universidade é fundamental para recuperar o benestar social en España".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.