Malos datos para a economía galega. Unha vez máis. O Índice Xeral de Produción Industrial (IPI) caeu un 11,7% en marzo no país, 3,2 puntos superior ao descenso do mes precedente, o que supón máis dun punto por riba da media estatal, onde o descenso foi dun 10,4% en relación co mesmo mes de 2011.
A caída da produción industrial é superior á media estatal; a taxa negativa acumulada en 2012 só é peor en tres autonomías
Deste xeito, e segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), Galicia acumula xa unha taxa negativa de 9,9 puntos no que vai de ano, unhas cifras tan só superadas por Castela A Mancha, Madrid e A Rioxa. En canto ao descenso interanual do 11,7%, a caída é xeral en todos os territorios do Estado, sendo a comunidade galega unha das que acumula unha maior baixada, tras Castela A Mancha (-22,7%), Madrid (-19,9%), A Rioxa (-16,2%), Navarra (-15,5%), Baleares (-14,3%), Euskadi (-14,2%) e Castela e León (-12,5%). Os únicos ascensos interanuais da produción industrial en marzo rexistráronse en Canarias (+10,1%), Murcia (+3,5%) e Cantabria (+2,6%).
A produción industrial de bens de equipo descende máis do 22%
En detalle, o dato máis negativo na baixada do IPI son os datos dos bens de equipo, cun descenso do 22,1% que achega 4,9 puntos negativos ao crecemento do índice xeral; os bens de consumo achegan -1,1 puntos tras un descenso do 4,3%; os bens intermedios caen un 7,2%, o que supón 2 puntos menos, mentres que a enerxía retrocedeu nun 15,1%, cunha achega negativa de 3,6 puntos á taxa interanual.
Con respecto aos crecementos interanuais de febreiro de 2012 só mellora a enerxía, mentres que os demais sectores empeoran os rexistros do mes anterior. En canto á clasificación por actividades, as ramas que presentan unha maior achega positiva á taxa interanual son: a metalurxia, cunha achega de 0,5 puntos e que creceu un 8,0%, e as artes gráficas, que creceu un 24,7% achegando dúas décimas á taxa interanual do índice xeral.
A elevada caída no fornecemento de enerxía e na fabricación de produtos metálicos supoñen o 48,8% do descenso xeral do índice de produción
As ramas con achega máis negativa son as de fornecemento de enerxía eléctrica, gas, vapor e aire acondicionado, con 3,4 puntos negativos de achega debido ao descenso do 17,6%, e a de fabricación de produtos metálicos, que minora 2,4 puntos o crecemento do índice xeral debido a que decreceu un 26,3%; estas dúas ramas explican o 48,8% da caída do índice xeral.
Ademais presentan fortes repercusións negativas a fabricación doutros produtos minerais non metálicos e a fabricación doutro material de transporte, tendo en conta as definición de actividades da Clasificación Nacional de Actividades (CNAE) do Goberno central.
No que vai de ano a rama cunha repercusión máis positiva é a Metalurxia, que achega 0,6 puntos á taxa interanual acumulada do índice xeral. A repercusión máis negativa recae nas ramas de fornecemento de enerxía eléctrica, gas, vapor e aire acondicionado, así como a fabricación de produtos metálicos que restan 2,7 e 1,9 puntos respectivamente á variación interanual acumulada do índice xeral.
Os datos da produción industrial en Galicia son peores que no Estado, como os do paro
Os datos da produción industrial en Galicia non dan lugar a dúbidas. Tampouco os do paro. O desemprego segue subindo no país a un ritmo maior que o do Estado. No último mes de abril, rexistráronse 849 parados máis nas oficinas de emprego do país, unha suba do 0,31% que constata co descenso en 6.632 persoas en España, unha baixada do 0,14%.