Miguel Ángel Quinteiro coñece como poucos o funcionamento das caixas de aforros. Ex traballador e ex membro do consello de administración de Caixanova, leva anos denunciando as malas prácticas das antigas entidades de aforro e presentando escritos de denuncia ante diversas fiscalías. Membro de Attac e da Plataforma polo Aforro Público, ve positiva a querela de Anticorrupción, pero cre que non é máis que “unha cortina de fume” porque o importante “é todo o que lles permitiron facer e, sobre todo, quen llelo permitiu facer”.
“A querela importante porque os directivos son culpables de moitas cousas”, explica Quinteiro logo de que a Fiscalía Anticorrupción presentase ante o Xulgado Central de Instrución Número 2 da Audiencia Nacional a querela contra cinco exdirectivos de Novacaixagalicia Julio Fernández Gayoso, José Luis Pego Alonso, Gregorio Gorriarán Laza, Óscar Rodríguez Estrada e Francisco Javier García de Paredes Mouro.
"Os directivos son culpables, pero só uns cabezas de turco"
“Agora, como se ven presionados, Anticorrupción vai por uns cabezas de turco, que son culpables, pero que seguro que non van devolver nada porque terán ben amarrados os seus contratos”, explica Quinteiro, que cre que o obxectivo “global” dos gobernantes e da banca “xa está feito”. “Quedáronse coas caixas e fixeron desaparecer unhas entidades que debían ser populares e co obxectivo de aproveitar o aforro popular para lograr un desenvolvemento económico do pobo”, lembra.
Xa que logo, Quinteiro reclama que se vaia “máis aló” porque entende que investigación debería centrarse nos “poderes” que permitiron ou incluso determinaron os métodos das caixas de aforros nos últimos anos. El leva anos loitando e advertindo á Fiscalía das irregularidades e “estafas” das entidades. “As caixas de aforro en Galicia eran entidades, que con todas as súas eivas, trataban de ofrecer servizos financieiros dende unha perspectiva ética, sen ánimo de lucro, e que xeraban un patrimonio en beneficio da sociedade”, insiste este ex membro do consello de Caixanova, que lembra que todo ese patrimonio foi "enaxenado".
Hai xa anos, presentou escritos ante a Fiscalía en Vigo e tamén ante a Fiscalía Superior de Galicia e ambas as dúas decidiron transmitir os documentos a Anticorrupción, que sempre lle aclarou “que non podía investigar porque a lei prohibíalle interpretar regulamentos”, do mesmo xeito que o mesmo fiscal anticorrupción, onde tamén presentou un escrito. “Pero era evidente que había moito máis, como o tema das preferentes, que xa se estaba comezando a dar”, lembra.
"Era o Banco de España o que permitía facer ás caixas e ao Banco de España permitíanllo os poderes políticos"
“Era o Banco de España o que decidía o regulamento e o que tiña a responsabilidade; se houbo algún cambio na regulamentación que lles permitiu ás caixas actuar como actuaron foi porque os polítimos llo permitiron”, insiste Quinteiro, que aclara que o organismo regulador “está gobernado por representantes de bancos privados e do FMI”, polo que “é xente ligada ás finanzas que perseguía a desfeita das caixas de aforro”. “A folla de ruta era evidente: fusionar caixas para poder acabar con elas de forma máis fácil e controlar así a economía”, engade, tras lembrar que a Plataforma polo Aforro Público xa acumula preto de 7.000 sinaturas que apoian un escrito remitido á Fiscalía Anticorrupción e no que se pide que se investigue a xestión de Caixa Galicia e Caixanova e o propio proceso que levou as dúas entidades a converterse nun banco.