Outra demanda dunha banca pública para Galicia. A Rede Galega de Empresas (RGE), que agrupa a máis de mil compañías e que leva anos solicitándoa, insiste agora na súa reivindicación e reclama, en plena crise económica e financeira, que “todas as asociacións empresarias do país, das pemes, dos autónomos, dos sectores produtivos e das empresas en xeral”, expresen “un apoio e pronunciamento a favor dunha Banca Pública Galega”, así como da “preservación do sistema financeiro galego” como “única vía para superar a crise”.
A Rede Galega de Empresas pide a implicación de pemes, autónomas e asociacións empresariais
Segundo esta asociación empresarial, Galicia “precisa contar cun instrumento de crédito” para que “no presente e no futuro”, as empresas galegas teñan "unhas condicións estruturais que permita o normal desenvolvemento das mesmas e da economía do país a longo prazo”. Por iso, a Rede solicita o apoio de todo o sector empresarial da comunidade nun obxectivo que facilite ás compañías, “ademais de superar a crise que sofren”, poder ter tamén “un desenvolvemento económico normal que lles permita contribuír ao desenvolvemento social e económico do país”, tal e como expresa nun comunicado.
"A base social da patronal está de acordo coa banca pública, pero as directivas non sempre obedecen aos intereses dos empresarios"
Manuel Vázquez, xerente e directivo de RGE, aclara que a idea é "buscar a colaboración e o pronunciamento" de todo o sector empresarial, pero tamén a de "manter contactos" con todas as asociacións posibles, incluída a Confederación de Empresarios de Galicia, á que lle pide que se molle. "É o momento de que a patronal se mostre a favor, como mínimo, dun instituto de crédito galego que acabase nunha banca pública", di Vázquez, que cre que "a base social da Confederación está de acordo coa idea", pero que recoñece que "moitas veces, os intereses das directivas non obedecen aos intereses dos empresarios".
A idea de reactivar a vella reivindicación da REG coincide, como aclara Vázquez, "cunha grave crise económica, coa falta de crédito e coa crise e mala imaxe de moitas entidades financeiras". "Debido a todo isto, levamos tempo notando moita máis receptividade á proposta de crear unha banca pública que fornecese de crédito ao empresariado galego", engade, tras intentar rachar "cos prexuízos que din que unha entidade pública é de países atrasados, cando Alemaña ou os Estados Unidos son dos que máis bancos públicos teñen". "O que precisa a xente é máis información", insiste.
Demandan un modelo como o das caixas de aforros de Alemaña, que "serven ao interese público de cada rexión"
A RGE demanda un modelo como o das caixas de aforros en Alemaña, suxeitas á lexislación de cada un dos lander e que “estipula que as entidades deben servir ao interese público da súa rexión incentivando o aforro e satisfacendo a demanda pública de crédito e as necesidades financeiras dos traballadores, as pemes e os respectivos entes públicos das súas rexións”.
Do mesmo xeito, esta unión de empresas demanda tamén “a preservación do sistema financeiro galego”, como “única vía para a superación da crise e o desenvolvemento dos potencias da economía galega e do conxunto da súa sociedade”. “Precisamos un sistema financeiro que oriente a súa actividade cara aos nosos sectores económicos, cara ás nosas empresas”, insiste.
A Rede solicita que a Xunta se faga co control de NCG Banco ou, se fracasa, que cree unha banca pública
A Rede vai máis alá e, ao igual que fixera Xavier Vence nun estudo presentado da man do BNG, solicita que o Estado se faga co control da Novagalicia Banco para logo “ceder a representación do capital público á Xunta de Galicia”. “Poderíamos ter un accionariado, contando co capital privado, onde o Estado, Xunta e caixa contarían con 50% do mesmo ou onde a Xunta se fixese coa participación do 32% , o Estado co 21% e a caixa co 7%”, explica o comunicado, que cre que así lograríase “ter un banco público con control galego”.
En opinión da Rede, e “no caso de perder Novagalicia Banco”, o Goberno Galego debe crear unha banca pública porque “ten capacidade legal e capacidade financeira para afrontar o proxecto”. No entanto, e como primeiro paso, a organización “urxe á constitución dun instituto de crédito galego, na liña do instituto Vasco ou Catalán”.
A Rede destaca tamén "que a banca pública existe en moitos países do mundo, onde é de destacar a importancia que ten por exemplo, na Alemaña". "O banco público KFW é o principal instrumento da política de fomento económico do país en programas de desenvolvemento interno, en créditos brandos as empresas e en créditos preferentes as exportación", destaca o comunicado, que recorda que 31 países de Europa e varios outros no mundo contan cun instrumento semellante.