A falta de coñecer o texto oficial, a proposta do factor de sostibilidade que está a ultimar o comité de expertos designado polo Goberno abrirá a porta a que algúns anos as pensións poidan descender. Así o adiantaba onte El País, que asegura que os expertos barallan dous tipos de coeficientes correctores para conter o gasto en pensións: un que actualice as pensións, incluso as actuais, a unha revalorización que non estea ancorada ao IPC e outro que marque a prestación dos novos xubilados, ligada á esperanza de vida ou á saúde do sistema.
A aplicación temperá destes mecanismos pode penalizar dobremente os que se xubilen nos próximos quince anos
Como sempre, o diaño está nos detalles, e varios expertos en pensións consultados por ElDiario.es advirten de que a aplicación temperá destes mecanismos pode penalizar dobremente os que se xubilen nos próximos quince anos. Bruxelas esixiu que se deseñe xa este factor que ten como principal meta reducir a factura en pensións.
Na súa proposta orixinal, o factor de sostibilidade debía porse en marcha en 2027, unha vez que se completou a actual reforma das pensións. A reforma vixente contempla aumentar gradualmente a idade legal de xubilación até situala en 2017 en 67 anos con 35 anos cotizados, ou en 65 anos se se acumularon 38,5 anos de vida laboral. Os expertos advirten de que pór en marcha o factor de sostibilidade cando aínda se está en metade dos procesos transitorios pode causar situacións "aberrantes" como que un xubilado perciba menos pensión pese a atrasar a súa idade de retiro.
O exministro de Traballo Valeriano Gómez lembra que a evolución da esperanza de vida xa se tomou en conta á hora de elevar a idade legal de xubilación, polo que aplicala como un novo corrector sería utilizar esta variable dúas veces
Así, por exemplo, se un traballador espera até os 65 anos e 6 meses para xubilarse para cobrar o 100% da prestación, podería atopar que, ao cambiar de ano natural, o cálculo da prestación lle saia a recibir menos polo coeficiente que se decidiu ese ano. Cada ano desprázase en dous meses a idade de xubilación, por exemplo, en 2021 para retirarse con 35 anos cotizados sería necesario ter 66 anos para recibir a pensión completa.
Segundo o exministro de Traballo, Valeriano Gómez, que rubricou a reforma das pensións en marcha, pór a operar o factor de sostibilidade durante o período transitorio engade incerteza: "Aumentaron o número de xubilacións no último ano e é en gran medida porque os traballadores queren asegurar a pensión que van cobrar", advirte. Gómez cre que o borrador da re-reforma das pensións que se deu a coñecer vai moito máis da intención inicial do Executivo socialista, que contemplou a súa creación como punto e final do proceso de reforma. Neste sentido, o actual portavoz de Economía do PSOE no Congreso lembra tamén que a evolución da esperanza de vida xa se tomou en conta á hora de elevar a idade legal de xubilación, polo que aplicala como un novo corrector sería utilizar esta variable dúas veces.
Segundo o borrador filtrado ao diario El País, os sabios traballan en correctores de longo alcance, como dez ou once anos, para evitar precisamente que o ano no que un xubilado entre no sistema sexa significativamente peor que o precedente ou o posterior. É dicir, en facer máis estable o coeficiente corrector.
Nos próximos días farase público o informe definitivo que deberá buscar mecanismos de salvagarda para evitar quebrantos na equidade do sistema e introducir seguridade. É dicir, que un traballador que decida retirarse con 66 anos en 2021, teña a certeza de que a súa decisión non vai supor unha diminución na súa prestación con respecto a se se xubilara con 65.