A reforma laboral fai dous anos tras destruír 1.130 traballos máis cada día

Manifestación en Santiago contra a reforma laboral CC-BY-SA Merixo

Menos ocupación, máis desemprego e maior precariedade laboral. Ese é o resultado do conxunto de reformas da regulación laboral que nos últimos meses vén aplicando o PP e que comezaron hai hoxe dous anos co Real Decreto-Lei 3/2012 do 10 de febreiro de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral. A reforma laboral.

Cúmprense dous anos da aplicación da reforma laboral, o punto de partida dun "programa de regresión de dereitos individuais e colectivos"

Ese foi o punto de partida da "instauración de todo un programa de regresión de dereitos individuais e colectivos no ámbito das relacións laborais", tal e como destaca agora un informe da Fundación Primeiro de Maio que analiza as 34 reformas laborais consecutivas que desde aquel 10 de febreiro se teñen aplicado no Estado a través de leis, decretos-lei e leis orgánicas que veñen limando aos poucos os dereitos dos traballadores, destruíndo emprego, facilitando o despido e fomentando a emigración de milleiros de mozos. Unha "técnica lexislativa da reforma laboral permanente" que dificulta ou elimina o debate democrático pero que ten modificado para peor o acceso ao emprego, a contratación, a flexzibilidade, o despedimento, as condicións e todo o sistema de negociación colectiva.

As 34 reformas laborais destes dous anos "nin freou o paro, nin reduciu a temporalidade, nin favoreceu a contratación indefinicia, nin a flexibilidade"

O informe 34 Reformas Laborais. Análise do seu alcance e efectos é claro ao asegurar que o conxunto de regulacións no laboral "nin freou a destrución de emprego, nin favoreceu a contratación indefinida, nin logrou que se avanzase na flexibilidade interna das relacións laborais,  nin fomentou a contratación, nin reduciu a temporalidade, nin desenvolveu a empregabilidade dos traballadores". Pola contra, fixo "incrementar os despidos mentres diminúen as suspensións de contratos e as reducións de xornada", o que é "un fiel reflexo so escaso papel da flexibilidade interna no marco da empresa".

O estudo, no que participaron sete expertos, entre eles os economistas galegos Manuel Lago e Enrique Negueruela, fai unha precisa análise das terribles consecuencias da reforma laboral e das súas continuas regulacións engadidas. E as cifras arrepían. En definitiva, esta reforma supuxo a destrución de case millón e medio de empregos, xa que hai exactamente 1.354.644 ocupados menos que hai dous anos.

Porque a reforma laboral non só non detivo o ritmo de destrución existente, senón que o empeorou. Se reparamos no emprego asalariado, no Estado pasouse dunha perda de 575.000 empregos entre 2009 e 2011 a 1,4 millóns de empregos nos dous anos posterioros á reforma. Isto supón pasar dunha destrución de 788 traballos diarios a que cada día 1.918 persoas asalariadas perdan o seu emprego. 1.130 traballos destruídos máis ao día.

Entre 2009 e 2011 destruíronse 788 empregos diarios, fronte aos 1.918 dos dous últimos anos

Ademais, entre 2013 e 2011 o desemprego aumentou en algo menos dun millón de persoas (989.800), a taxa de paro medrou cinco puntos, ata o 26,5%. O número de activos descendeu en 363.600 persoas e a pobación en 592.800, polo que non é que haxa menos desemprego, senón que parte das persoas paradas desapareceron das estatísticas. Do mesmo xeito, a reforma laboral tamén influíu moito na transferencia de emprego asalariado en traballadores independentes, e presumiblemente falsos autónomos. Houbo unha diminución de case 600.000 asalariados por un aumento duns 137.000 traballadores independentes.  Un 11% menos de emprego asalariado e un 15% máis de emprendedores.

"As reformas laborais teñen incidido no estado lamentable no que está as cousas, xerando unha quebra en materia de dereitos, á vez que non contribuíron a reducir a taxa de desemprego, máis ben ao contrario", reflexiona o informe, que dá conta do "incremento na desigualdade enre homes e mulleres", así como no aumento da desigualdade e da pobreza. Máis da metade das persoas paradas leva máis dun ano sen emprego e o 22% leva máis de tres anos. Ademais, a taxa de protección por desemprego diminuíu en tres puntos, do 37% ao 34,1%.

En canto á mocidade, o 86% dos menores de 30 anos no perciben prestación ningunha, do mesmo xeito que o 65% das mullers maiores de 30 anos ou máis da metade dos homes maiores desa idade. O gasto en prestacións por persoa desempregada pasou, ademais, dos case 6.000 euros de  hai dous anos aos 5.000 de 2013, mentres que o investimento por desempregado ou en políticas activas baixou un 52%, dos 1.544 euros aos 740, unha falta de protección social que "está creando acelerdamente fogares pobres, en particular cando todos os seus membros están parados".

A reforma laboral provoca "un intenso proceso de substitución do traballo a tempo completo por traballo a tempo parcial"

Por outra banda, a reforma laboral está a provocar tamén un "intenso proceso de substitución de traballo a tempo completo por traballo a tempo parcial". Así, houbo un aumento do 19,5% ao 23,2% dos asalariados do sector privado que pasaron a ter xornadas inferiores ás 35 horas e unha diminución do 66% ao 62,9% dos que traballan entre 35 e 40 horas. Ademais, e segundo o informe, coas horas traballadas ilegalmente de maneira habitual, por riba das 42 semanais, poderían xerarse case 330.000 empregos.

A precarización das condicións laborais no Estado e a creación dun mercado laboral "máis ineficiente e inxusto" é outra das claras consecuencias da reforma laboral. Dos 14,8 millóns contratos rexistrados en 2013, só 1,13 eran indefinidos, só o 7,67% e dúas centésimas menos que en 2011. Logo de dous anos de aplicación da reforma laboral, hai 72.300 empresarios con traballadores asalariados menos e 146.300 traballadores independentes máis. Ademais, só os contratos puramente temporais e os formativos aumentan o seu peso na contración, incrementando así aínda máis a precariedade.

Do mesmo xeito, na Admnistración pública, a educación, a sanidade e os servizos sociais destruíronse nestes dous anos case 470.000 empregos, o que supón un 8,4% menos.

Ademais, tal e como aclaran os autores do informe, o compoñente sectorial "explica tamén o sesgo desta reforma e as consecuencias non precisamente positivos". A industria manufactureira, por exemplo, perde 244.000 empregos, o 10,6% dos existentes. "Todos os sectores industriais, especialmente os produtores de bens de equipo, son os elementos tractores de cualquera despeque industrial e sufriron perdas de emprego superiores á s da media das actividades económica. Sen unha decidida recuperación destes sectores, non se poderá falar de inicio da saída real da crise", explican. 

Manifestación contra a reforma laboral en Santiago CC-BY-SA CCOO
Mobilización da CIG ante unha oficina de emprego CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.