A reforma laboral perde a súa primeira partida na rúa. A menos dun mes da folga xeral convocada pola CIG, milleiros de galegos acudiron este domingo á chamada de Comisións Obreiras e UGT para expresar o seu rexeitamento ao "desprezo aos dereitos laborais" que, din, supón o proxecto do Goberno de Mariano Rajoy. As centrais sindicais cifran en 140.000 as persoas que secundaron as nove convocatorias galegas dunha protesta que tivo 57 escenarios en todo o Estado e sobre a que planeou a posibilidade dunha folga que, de convocarse, debe ser "para gañala", din.
As protestas máis masivas contra a "maior agresión do período democrático aos dereitos dos traballadores" foron as de Vigo e A Coruña. Mentres, desde Sevilla, Mariano Rajoy continuaba a xustificar a reforma, na coruñesa Praza da Palloza unha das palabras máis repetidas era "cabreo". Nesta mobilización, fixada polos convocantes como a "central" para Galicia, os secretarios xerais de CC.OO e UGT advertían de que as marchas deste domingo non van ser unha illa, senón o inicio dun camiño que, admiten, pode rematar en folga xeral. "Se non escoitan este clamor haberá máis mobilizacións e seguramente, tamén folga", resume para Praza Pública o líder de Comisións, Xosé Manuel Sánchez Aguión.
A de hoxe, di Aguión, é só "a primeira resposta" a ao "atraco social" que, di, sofre o conxunto da poboación, pero cuxas consecuencias afectan especialmente "aos que están en peores condicións", no caso galego, "os 275.000 parados" e as "80.000 familias sen ingresos". Nun sentido semellante, dende UGT José Antonio Gómez recoñece a Praza que as manifestacións teñen un papel de termómetro e o mercurio sobre a niveis de "tremendo cabreo". "Este é o primeiro paso dunha mobilización sostida no tempo" e dunha "resposta masiva e contundente, en toda Galicia e no resto do Estado"
Folga xeral e posible unidade coa CIG
Nestes primeiros pasos do camiño do rexeitamento á reforma laboral, nin CCOO nin UGT desbotan atoparse coa CIG. Se ben dende ambos sindicatos lamentan que a central nacionalista convocase xa a folga "pola súa parte", non descartan a chegada a unha unidade que, lembran, xa se produce en ámbitos como a función pública, no que nos vindeiros días iniciarán mobilizacións conxuntas contra o plan de recortes do Goberno galego.
Sobre esta base, Sánchez Aguión di que lle tería "gustado" que a "CIG se sumase ás mobilizacións" deste domingo e Gómez amósase convencido de que "a campaña de mobilizacións nos levará a confluír". "As folgas xerais fanse para gañar" e Comisións e UGT "convocarémola cando máis dano lle faga ao Goberno". O termómetro da rúa segue a subir e, no congreso do PP, Rajoy daba a súa particular resposta: "faremos o que teñamos que facer".
A Coruña | 35.000 |
---|---|
Lugo | 4.000 |
Ourense | 5.000 |
Pontevedra | 5.000 |
Santiago | 15.000 |
Vigo | 50.000 |
Ferrol | 25.000 |
Burela | 550 |
Vilagarcía | 2.000 |