A resposta da UE á crise do lácteo: un novo "parche" económico e ningunha medida estrutural

Explotación láctea galega © UUAA

A Comisión Europea achegará 500 millóns de euros máis aos agricultores e gandeiros dos 27 países da Unión afectados pola crise de prezos que sofren -sobre todo- as explotacións leiteiras. A proposta, presentada nun Consello de Ministros de Agricultura, componse de 150 millóns para as explotacións que opten por reducir a produción, e outros 350 millóns en subsidios, para compensar as perdas producidas ata agora, e que se unirán a outras axudas estatais e aos outros 500 millóns xa proporcionados pola UE. Aos gandeiros españois corresponderalles un total de 15 millóns de euros, moi por debaixo de Polonia (22,6 millóns), Alemaña (57,9 millóns), Francia (49,9 millóns) ou Países Baixos (22,9 millóns), países considerados "culpables do aumento descontrolado da produción láctea que afunde o mercado e os prezos na UE", sinala o Sindicato Labrego Galego (SLG).

A proposta componse de 150 millóns para as explotacións que opten por reducir a produción, e outros 350 millóns en subsidios

Lídia Senra, eurodeputada de AGEe e coordenadora do Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL) na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo, denuncia que esta partida económica supón “incidir nas medidas que xa fracasaron”, cualificando a decisión de "parche". “Unha vez máis asistimos á redundante estratexia neoliberal da Comisión Europea de tentar convencernos de que todo se amaña parcheando con cartos, cando en realidade trátase dun colchón para tentar amortiguar a crise mentres vai chegando a xubilación de moitas produtoras e produtores, sabendo perfectamente que relevo xeracional non vai haber ningún”, dixo Senra.

Para Senra, a Comisión tenta “trasladar ás gandeiras as responsabilidades do desastre que crearon coa liberalización do sector ao por fin ao sistema de cotas”

Para Senra, trátase dunha "medida propagandística máis ante os contribuíntes, aos que se lles tenta facer crer que as gandeiras e gandeiros son os beneficiados, cando en realidade o que se está a beneficiar é o traspaso da súa produción leiteira cara grandes unidades de produción industrial de leite, aproximándose a modelos como o dos EEUU en lugar de apostar polo mantemento de pequenas e medianas explotacións”. Neste tipo de modelo, 10.000 explotacións con 1.000 vacas de media cada unha e un alto grao de mecanización substituirían ás aproximadamente 650.000 explotacións que traballan actualmente na UE, explicou. Para a eurodeputada galega, a Comisión tenta “trasladar ás gandeiras e gandeiros as responsabilidades do desastre que crearon coa liberalización do sector ao por fin ao sistema de cotas”.

SLG: "Os países que apostan por seguir incrementando a súa produción para copar o mercado, poderán seguir facéndoo sen problema"

O SLG, pola súa banda, denuncia que a medida non evitará que se continúe incrementando a produción en determinados países: "os países que apostan por seguir incrementando a súa produción para copar o mercado, poderán seguir facéndoo sen problema; mentres que aqueles nos que se reduza a produción, terán asegurada outra esmola coa que poder parchear as contas dun trimestre no que seguirán, con total seguridade, os prezos escandalosamente baixos en orixe".

"A Comisión Europea volve sacar da chistera un feixe de accións que perpetuarán a crise leiteira, cos prezos en caída permanente e a produción de varios países desbocada", conclúe o SLG, que critica directamente o comisario Phil Hogan, que "teima na súa postura covarde ou interesada en favorecer a política leiteira de Irlanda sen atreverse a pór en marcha un control público e obrigatorio da produción en toda a Unión Europea, algo indispensable para controlar os excedentes, regular o mercado e deter a depreciación do leite". Senra afondou nesta mesma idea: “Precisamos políticas públicas con medidas de regulación da produción e dos mercados; o carácter voluntario non vai garantir para nada a redución dos volumes de producións, so vai garantir sacar do medio explotacións labregas”.

SLG: "As grandes industrias do sector e as distribuidoras fregan as mans. Mentres tanto, miles de granxas seguirán facendo equilibrios no gume da navalla para non arruinarse"

O sindicato augura que con esta medida "as grandes industrias do sector e as distribuidoras alimentarias fregan as mans: as primeiras porque seguirán tendo materia prima con valores moi por baixo dos custes de produción; e as segundas porque poderán continuar mercando leite a prezo de saldo para maximizar as súas marxes de beneficios". E denuncian que, "mentres tanto, miles de granxas seguirán facendo equilibrios no gume da navalla para non arruinarse, entre elas as 8.800 explotacións, máis ou menos, que sobreviven hoxe na Galiza".

 

Explotación láctea galega © UUAA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.