A semana que vén coñeceranse as condicións do rescate a España, segundo o Financial Times

De Guindos, durante a súa comparecencia © Goberno de España

O rescate a España podería ser inminente, cousa duns dias. Así o asegura o Financial Times, que este xoves pola noite publicou que as autoridades da UE e o Goberno español estarían xa negociando as condicións dese rescate, que se poderían facer públicas a semana que vén. La Vanguardia afirma que o plan podería ser anunciado o próximo xoves 27 de setembro, e que suporía a práctica aceptación por parte das autoridades españolas da gran maioría das esixencias de reformas estruturais requiridas pola UE para facer efectiva esta axuda económica. De feito, o Parlamento alemán debería votar calquera modificación das condicións.

O Financial Times asegura que o propio Luís de Guindos estaría levando o peso das negociacións e que as condicións que se aprobarían teñen máis que ver con "reformas estruturais longamente demandadas por Bruxelas que con recortes ou novos impostos". Porén, Reuters publica este venres que o Goberno podería estar preparando outras medidas que afectarían directamente ás pensións, que ficarian conxeladas, e ademais acelerariase o proceso para atrasar a idade de xubilación até os 67 anos. O Goberno espera aforrar catro mil millóns de euros coa medida e segundo Reuters poderia anuncialo a semana que vén. 

O Goberno central xa negou estas informacións pero cada vez son máis as voces que lle reclaman que acceda a unha medida que parece inevitable e que os mercados xa dan por descontado. O último en facelo foi Francisco González, presidente do BBVA, que estes dias reclamou que se pida o rescate "canto antes mellor", tendo en conta ademais que a maior parte das esixencias de recortes e reformas xa se aceptaron. Tamén o The Wall Street Journal publicou nos últimos dias que se está esgotando o efecto positivo que para a prima de risco española tiveron as declaracións do BCE anunciando que axudaría os países europeos con problemas.

Rajoy segue empeñado, polo que parece, en adiar o anuncio do rescate até despois das eleccións galegas do 21-O. O Goberno central estaría interesado ademais en destinar parte do rescate bancario xa concedido para mercar débeda soberana, unha posibilidade que xa foi rexeitada polas autoridades comunitarias.

De Guindos, durante a súa comparecencia © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.