A sinistralidade laboral en Galicia aumenta un 9% en 2015 e un 7% no que vai de 2016

Un traballador do naval en Vigo CC-BY-NC-ND Salvador Moreira

A sinistralidadade mortal no traballo incrementouse un 3,4% en 2015 con respecto ao ano anterior. Faleceron 61 traballadores e confirmouse un aumento que, no caso de sectores como a industria e os servizos, chega ata o 40% e o 43,8% respectivamente. Son os datos que achega UGT-Galicia co gallo da celebración o vindeiro 28 de abril do Día Internacional da Saúde e Seguridade no Traballo. 

A sinistralidade aumentou máis dun 9% en 2015 e un 7% nos dous primeiros meses de 2016

Segundo lembra o sindicato, "en Galicia, nos últimos catro anos, coincidindo coa reforma laboral imposta polo PP, faleceron 212 traballadores". Ademais, polo que respecta aos datos totais de sinistralidade, UGT advirte do "alarmante repunte" das cifras en Galicia durante o pasado ano, onde se rexistraron un total de 25.346 accidentes laborais con baixa, 2.125 máis que no 2014, o que supón un aumento do 9,15%. "A crise utilizouse como escusa para abandonar o investimento das empresas en políticas de prevención de riscos laborais", denuncia a central, que considera que "a precariedade que se instalou no mercado de traballo é sinónimo de incremento da sinistralidade laboral".

De feito, lembra, dos 61 traballadores falecidos durante o ano 2015, 23 eran traballadores temporais, colectivo no que o número de accidentes de traballo subiu un 15% respecto ao 2014. Dos 61 traballadores falecidos, 11 tiñan unha antigüidade no posto inferior aos tres meses e 24 dos 61 que perderon a vida tiñan unha antigüidade no posto inferior ao ano.

Os accidentes mortais incrementáronse en Galicia nun 28,6% no que vai deste 2016

En canto a 2016, a sinistralidade laboral en Galicia medrou nun 7% nos dous primeiros meses do ano, mentres que os accidentes mortais subiron nun 28,6% e os graves nun 20,3%. Así, e "á vista dos datos", UGT cre que "urxe en Galicia dispoñer dunha política de seguridade e saúde no traballo que desenvolva coherentemente e de xeito coordinado as políticas e as actuacións en materia de prevención de riscos laborais que se exercen no territorio, de acordo co marco normativo e competencial nesta materia".

O orzamento para a seguridade e saúde no traballo do Issga pasaron dos 7,38 millóns en 2011 aos 5,64 de 2016

No entanto, a redución dos orzamentos dedicados á prevención de riscos laborais continúan a baixar. En concreto, os destinados ás actividades desenvolvidas polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) a favor da seguridade e saúde no traballo pasaron dos 7,38 millóns de euros no ano 2011 aos 5,64 millóns previstos para o ano 2016, unha redución practicamente do 24% nestes últimos anos.

 

A prevención de riscos, "en retroceso"

Para UGT, estas reducións "son incompatibles co aumento da sinistralidade e a situación dos traballadores (temporalidade, carga horaria...)". "O único que ocasionarán son dificultades para a posta en marcha e a execución de políticas preventivas eficaces, o que anuncia un panorama en materia de prevención de riscos en retroceso e amosa a falta de compromiso por parte da Xunta con esta materia", denuncia. 

O sindicato lembra que todo se produce nun contexto marcado pola "aposta por políticas de axuste, especialmente representadas nas reformas laborais, que deterioraron de xeito grave a negociación colectiva e o exercicio efectivo de dereitos, elementos imprescindibles para a saúde e a seguridade no traballo".

Por iso, UGT-Galicia reclama a derrogación das reformas laborais, establecer normativmente criterios obxectivos para a cualificación dos accidentes no traballo, incrementar o investimento en I+D+i en materia de saúde laboral e riscos emerxentes, así como a vixilancia e control das actuacións en materia de prevención de riscos laborais por parte da Inspección de Traballo e Seguridade Social. Tamén reclama maior coordinación entre as diferentes administracións públicas, a posta en marca da Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2013-2020 e a recuperación dos investimentos públicos en materia de prevención de riscos laborais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.