A suba do IVE, unha nova "lousa" para os autónomos

A suba do IVE castiga especialmente os autónomos © muypymes.es

Na crise económica sofren case todos os grupos sociais e colectivos. Os traballadores autónomos son uns deles, e de feito cóntanse entre os máis afectados pola recente suba do IVE, que teñen que repercutir directamente nas súas facturas. Só nos seis primeiros meses do ano os autónomos adiantáronlle a Facenda 392 millóns de euros no primeiro en concepto de IVE facturado, pero non cobrado. As asociacións e colectivos que agrupan estes traballadores amósanse moi críticos coa xestión de Mariano Rajoy e auguran un futuro negro para estes profesionais e pequenos negocios. 

Nos primeiros seis meses do ano o número de autónomos en Galicia creceu en case vinte mil persoas (18.629), un 5,4% máis que o pasado ano, moitos deles desempregados que buscaron emprender unha iniciativa laboral pola súa conta. Tamén crecen as baixas nun 3,1%, até unha cifra total semellante (19.278). As razóns hai que buscalas no feito de que cada vez son máis as persoas que ao longo do ano se van dando de alta e de baixa en función de que teñan ou non nese momento unha actividade laboral, e para evitar pagar a cota de autónomos nos tempos de inactividade.

Rafael Granados, presidente de ATA en Galicia, reclamoulle ao Goberno a necesidade de "articular medidas que creen un entorno favorable para que poidan realizar a súa actividad" e non só de "apoiar a quen emprende". Estas asociacións, que en moitos casos, saudaron favorablemente a chegada do PP ao Goberno, entre outras cousas pola campaña realizada polo populares contra a suba do IVE decidida polo PSOE, ven agora como o executivo de Rajoy decretou un novo ascenso, e ademais aínda non presentou medidas reais de mellora ou impulso para os traballadores autónomos.

A nova suba do IVE, segundo ATA suporá un custe de 1.100 euros máis ao ano para os traballadores por conta propia

Agora, a nova suba do IVE, segundo ATA suporá un custe de 1.100 euros máis ao ano para os traballadores por conta propia. Ao incremento do IVE súmanse outras medidas, que tamén entraron en vigor este 1 de setembro, coma o aumento do recargo de equivalencias, maiores retencións a profesionais e unha suba do recargo polo atraso no pago de cotizacións. Ademais, os autónomos e empresas que foran contratados pola administración pública antes da suba do IVE e non acabaran aínda as súas obras terán que liquidar con Facenda a suba do imposto.

A suba do IVE castiga especialmente os autónomos © muypymes.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.