A taxa de paro galega xa supera en máis de tres puntos o estimado por Feijóo

Gómez, Mato, Feijóo, Fontenla e Aguión © Xoán Crespo

Nun escenario de recesión económica, a destrucción de emprego vai ser unha dinámica durante, cando menos, o que queda de ano. Esta é a conclusión dos expertos e a evidencia de que a xa chamada Gran Recesión vai seguir destruindo postos de traballo de maneira masiva. Malia que institucións como Funcas ou o FMI prevén que a taxa de paro en España siga subindo ata un 24%, a Xunta, na presentación dos Orzamentos para 2012, pensa reducir a porcentaxe de desemprego na comunidade. É o segundo ano consecutivo en que o Executivo galego avanza melloras no mercado laboral. 

Na presentación das contas públicas para 2011, a daquela conselleira Marta Fernández Currás prognosticou unha taxa de paro do 15,1% para pechar o exercicio. Non obstante, a Enquisa de Poboación Activa (EPA) vén de cifrar a relación de parados respecto da poboación activa nun 18,3%. Isto é, máis de tres puntos porcentuais por riba da estimación da Xunta.

O Executivo central, comandado por Mariano Rajoy, prorrogou os Presupuestos Generales del Estado (PGE), co cal aínda non fixo pública a estimación de Moncloa en canto a crecemento do Produto Interior Bruto (PIB), déficit ou desemprego. Mais as previsións elaboradas por distintos organismos como a Fundación de Cajas de Ahorros (Funcas), o Banco de España ou a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento (OCDE) son todas pesimistas. Ningunha delas conta cunha mellora da taxa de paro para este ano.

Núñez Feijóo si. E os orzamentos, xa aprobados no Parlamento, baseánse na previsión da Consellería de Traballo de que Galicia logrará reducir a porcentaxe de desempregados.

 

En concreto, e tal e como aparece na presentación dos Orzamentos, o Goberno galego considera que hai posibilidades de que a taxa de desemprego se reduza ata un 16,4% da poboación activa. Isto é, dous puntos por debaixo da porcentaxe actual ou unha volta á última referencia que se achega a esas cifras: último trimestre de 2010. Desde aquela, e dacordo cos datos da última EPA, hai 37.000 parados máis en Galicia.

Pola estrutura económica e as características do mercado laboral, España non crea emprego neto cun crecemento do PIB inferior ao 2%. O FMI vén de determinar que, lonxe de medrar, a recesión será aguda (ata un -1,5% do PIB para 2012).

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.