A taxa de protección dos parados galegos cae sete puntos en tres anos

Vista dunha oficina de emprego CC-BY-NC-SA CIG

Tan só un de cada tres parados galegos percibe algunha prestación, concretamente un 31,5% do total de desempregados (258.300) que hai no país segundo os últimos datos da EPA. Supón 3,2 puntos menos que no terceiro trimestre de 2013 e máis de sete puntos menos (7,1) que en 2011, cando chegaba ao 38,6%. Unha tendencia negativa e á baixa que non se detén e que coloca 176.790 persoas sen traballo e sen cobrar ningunha prestación.

A taxa de protección por paro descendeu máis de sete puntos en tres anos

Así se pode comprobar logo de debullar un novo estudo da Fundación 1º de Maio, elaborado por Enrique Negueruela, membro do Consello de Emprego, Economía Social e Relacións Laborais deste organismo, e que debulla as cifras para determinar a protección real da cidadanía sen traballo e que contrapón á denominada taxa de cobertura -que basea a súa porcentaxe só nos parados rexistrados nas oficinas de emprego pero non na devandita EPA nin en todas as persoas sen emprego- e que se situaría nuns vinte puntos máis.

Tan só un de cada dez mozos sen traballo percibe algunha prestación en Galicia

Xa que logo, en Galicia hai máis de 175.000 persoas paradas que non reciben prestación ningunha, unha cobertura que é moito menor no caso das mulleres, cuxa taxa sitúase tan só no 25,1% fronte ao 37,3% dos homes., doce puntos menos. Por franxas de idade, a situación dos máis novos segue a ser a máis alarmante, xa que entre os menores de 30 anos, tan só un de cada dez percibe prestación (10,3%), polo que hai case 65.000 mozos que nin traballan nin cobran nada e tan só uns 7.500 con algún tipo de prestación. Unha cifra alarmante que se une á elevada emigración que tamén afecta a mocidade galega.

En canto ás persoas entre 30 e 44 anos, a taxa de protección sitúase no 30,3%, polo que tan só unha de cada tres percibe unha prestación. Son unhas 70.000 persoas desta idade as que se atopan nesta complicada situación, máis aínda tendo en conta a súa idade. Neste caso, as mulleres tamén saen peor paradas, ao ser a súa taxa de protección oito puntos inferior á dos homes (26,2% fronte ao 33,2%) e logo de caer esta en máis de 11 puntos (11,4) en tres anos e case cinco no último exercicio.

Os maiores de 45 anos, pola contra, son os que contan cunha taxa de protección maior e, aínda así, só un de cada dous está protexido. Neste caso tamén o xénero feminino é claramente prexudicada, ao estar protexidas nunha porcentaxe 23 puntos inferior aos homes (37,3% fronte ao 60%). Xa que logo, mentres seis de cada dez homes nesta franxa de idade cobran algunha prestación, menos do 40% das mulleres o fan no mesmo tramo.

A taxa de protección das mulleres galegas é peor xa que a media estatal: só o 25% das paradas cobra algunha prestación

A taxa de protección por paro en Galicia achégase deste xeito á medida estatal a cada trimestre que pasa, situándose apenas un punto por riba da do conxunto do Estado (31,5%), pero sendo xa peor no caso das mulleres galegas, das que só o 25% están protexidas ante o desemprego, fronte ao 26% da media de España.

A diferenza deste estudo cos que ofrece a EPA revela a crúa realidade da situación de moitos parados. A taxa de cobertura, aínda que ten en conta a todos os que cobran algunha prestación, só inclúe os demandantes parados rexistrados e os eventuais do subsidio agrario, que non figuran no cómputo de paro rexistrado. A taxa de protección baséase na EPA e en todos os cidadáns sen emprego, estean contabilizados nas oficinas ou non.

Exterior dunha oficina de emprego © Encomun.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.