A UE aumenta a incertidume sobre o naval ao augurar a devolución das axudas do 'tax lease'

Guindastres do estaleiro Barreras, en Vigo CC-BY-NC-SA taburete

Malos augurios para o naval galego. Unha vez máis. A Dirección Xeral de Competencia da Comisión Europea confirmoulle o pasado martes á CIG que haberá que devolver parte das bonificacións que se aplicaron co sistema tax lease na construción naval, ao seren consideradas axudas de Estado e, xa que logo, incompatibles coas normas europeas. Ademais, tamén quedou claro que será o Estado o que definirá a canto ascenden as cantidades a devolver, así como "quen as asume": estaleiros, armadoras, estruturadores financeiros ou o propio Goberno español.

A Comisión Europea prevé que haberá que devolver parte das bonificacións e critica a "pouca solidez" dos informes remitidos por España

As malas novas chegaron logo da xuntanza que varios representantes da CIG mantiveron en Bruxelas, da man da eurodeputada do BNG Ana Miranda. Foi alí onde Competencia lles confirmou que polo menos unha parte destas bonificacións débense recuperar, segundo explicou Xoán Bouzas, secretario nacional do Metal do sindicato nacionalista, que tamén adiantou que o ditame final chegará "antes do verán" e que os informes remitidos polo Executivo español e Pymar son "xuridicamente pouco sólidos", unha crítica que xa realizara o comisario da Competencia, Joaquín Almunia.

 Malia que desde a CIG cren que os estaleiros quedarán á marxe da devolución, tamén pediu que sexan eles os que "presionen" para que o impacto sexa o menor posible, xa que a "incerteza" actual impediría que os investidores contraten na ría de Vigo. En todo caso, o sindicato insiste en que a decisión final sobre o expediente do tax lease é "política".

A CIG pide aos estaleiros que "presionen" para que o impacto sexa o menor posible sobre a ría de Vigo

A CIG tamén trasladou á Dirección Xeral da Competencia un informe sobre o impacto socioeconómico que a crise do naval está a provocar na comarca de Vigo e advertiu dos "centos de millóns" que suporían devolver integramente as axudas. Para a central nacionalista, os problemas chegan tamén da falta de "dilixencia" dos últimos gobernos centrais para propor unha alternativa, tal e como fixo, por exemplo, Francia, qeu evitou a parálise do sector dun sistema alternativo.

"Estiveron dous anos dándolle voltas a este asunto, con informacións contraditorias e perda de tempo", lamentou o responsable do naval da CIG na comarca de Vigo, César Rodríguez, quen apuntou que a UE recibiu os últimos informes de España "nas últimas semanas".

O naval galego leva xa anos agardando unha decisión sobre este sistema de bonificacións á construción de buques que estaba vixente en España desde 2003 e que foi paralizado pola Comisión Europea hai dous anos tras as denuncias presentadas por asociacións de estaleiros de Holanda, Noruega, Finlandia, Francia e Portugal. O sector espera a decisión que tome a UE sobre a posibilidade da devolución retroactiva dos beneficios fiscais desta medidas, así como sobre as prácticas de países como Holanda, Noruega ou Francia, aos que tamén se acusa de aplicar deducións fiscais directas á innovación e tecnoloxía de orixe que tamén poderían afectar as normas de competencia.

O sector, BNG e PSdeG piden á COmisión que teña en conta o impacto que tería na comarca de Vigo a devolución destas axudas

BNG e PSdeG piden unha decisión "canto antes" e Ana Miranda, a eurodeputada nacionalista, reclamou á Comisión Europea que valore as consecuencias socioeconómicas que ten para a comarca de Vigo o sector do naval e que estas sexan tidas en conta á hora de concluír o expediente aberto contra o antigo sistema de bonificación fiscal.

Neste sentido, Miranda salientou que, con independencia do resultado do expediente, "en ningún caso os estalerios galegos deben asumir ningún tipo de penalización, tendo en conta que se limitaron a aplicar unha normativa aprobada polo Estado español", concluíu.

Guindastres do estaleiro Barreras, en Vigo CC-BY-NC-SA taburete

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.