A UE confirma o desinterese do Goberno polo dique flotante de Ferrol

Estaleiros de Navantia Fene-Ferrol © Navantia

"É a consolidación dunha estafa, a mesma que vimos denunciando nós e os traballadores desde hai tempo". Beatriz Sestayo, deputada do PSdeG, acusa a Feijóo, o Goberno central e a Xunta de "mentir de novo" o naval ferrolán, logo de que este luns se confirmase o desinterese das administracións polo dique flotante, tan só unhas semanas despois de que a SEPI rexeitase a súa construción porque, disque, iría contra as normas comunitarias, xa que as axudas estatais para o financiamento público necesario serían consideradas como ilegais pola UE.

A resposta de Almunia pon en dúbida que existise o veto da UE que denunciou a SEPI e a Xunta

As acusacións de Sestayo chegan logo de que a Comisión Europea (CE) asegurase que o proxecto para a construción do dique flotante "non se notificou formalmente" na Unión, senón que "as autoridades autonómicas españolas e a SEPI" tan só o discutiron "informalmente" con responsables europeos de axudas estatais. Todo, malia que Feijóo e a Xunta atrasaron durante case un ano a posible construción da infraestrutura creando unha comisión de seguimento -que Sestayo cualifica tamén de "fraude"- para logo concluír que existía un veto da UE que agora non se ve tan claro.

Iso é o que vén de aclarar o vicepresidente da CE, Joaquín Almunia, en reposta á pregunta do eurodeputado galego Antolín Sánchez Presedo, que cuestionaba se a Comisión recibira algunha consulta de Navantia, a SEPI ou autoridades galegas ou estatais sobre os plans futuros para unha infraestrutura que dotaría de carga de traballo -inmediata e futura- ao golpeado sector naval de Ferrolterra.

"O proxecto non se notificou formalmente á Comisión para a súa avaliación de acordo coas normas sobre axudas estatais da UE"

"As autoridades económicas españolas e a SEPI discutiron informalmente este proxecto cos servizos da Comisión de responsables de axudas estatais. O proxecto non se notificou formalmente á Comisión para a súa avaliación de acordo coas normas sobre axudas estatais da UE", respondeu Almunia. Para Beatriz Sestayo, a contestación do comisario non é máis que a confirmación "dunha gran mentira" sobre  un "suposto veto" que a deputada non ve como tal.

"O dique non está afectado polo veto porque non é unha infraestrutura que se vaia vender, non é un barco, senón un investimento; o que ocorre é que o PP non quere investir en Ferrol", denuncia Sestayo, que coincide co comité de empresa á hora de advertir da "idea de desmantelar cando menos o estaleiro de Fene" por parte das administracións estatal e autonómica. De feito, xa hai tempo que a man de obra máis cualificada está a ser trasladada ás instalacións de Navantia en Cartagena.

O PSdeG ve claro que o PP "non quere investir en Ferrol" e apunta ao intento de desmantelamento do sector naval na comarca

Ante esta situación, Sestayo rexistrou xa unha petición de comparecencia do presidente Feijóo para que "dea explicacións" sobre o que considera unha "grande estafa", tras anunciar tamén unha serie de iniciativas. Ademais, pregúntase "ata cando vai seguir mentindo" a Xunta aos traballadores e a comarca, logo de que caeran en saco roto as promesas do dique flotante, do centro de reparacións, dos remolcadores e dos quimiqueiros de Pemex... "Aínda está por ver onde está o flotel", lembra.

Mentres, denuncia, "máis de 2.000 postos de traballo perdéronse en Ferrolterra nos últimos once meses", ao tempo que lembra que "a dramátia situación" do sector naval estase trasladando tamén ao eólico, que perdeu 1.500 empregos nos últimos cinco anos ante a inseguridade xurídica e a falta dunha política activa clara da Xunta.

A polémica, ademais, chega despois de que PP sacase peito no Parlamento tras pactar que a Xunta achegue o 3% do custo do dique flotante e logo de que os populares exixisen un pacto sobre o dique flotante na Cámara galega un día despois de vetalo no Parlamento español.

 

 

 

Manifestación en Ferrol polo futuro do naval Dominio Público Praza Pública
Beatriz Sestayo, deputada socialista CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.