Un déficit superior ao 8% e unha intención de levalo ao 4,4% a finais de 2012 arroxaba un dramático escenario: o recorte debía superar os 40.000 millóns de euros. Catro veces o orzamento da Xunta para todo un ano, por exemplo, ou case tres veces máis do recorte que se aplicou en maio de 2010. O Executivo de Mariano Rajoy elevou a súa estimación de déficit ao 8,2%, e utilizou este dato para acusar ao Goberno de Zapatero de mentir e para subir, por exemplo, o IRPF.
Se son certas as informacións que publica en exclusiva a axencia Reuters, a Unión Europea podería ter probas suficientes para acusar a Moncloa de mentir deliberadamente sobre os datos do déficit coa intención, din fontes de Bruxelas, de que "os datos para este ano fosen mellores". Asemade, o Executivo comunitario estaría sopesando a posibilidade de multar ao español por adiar as medidas antidéficit ao mes de maio, xusto despois das eleccións en Andalucía e Asturias. Ese retraso á hora de tomar certas decisións pon en perigo, a ollos de Bruxelas, o crecemento a longo prazo da economía española. Cómpre lembrar que o panel de consenso (sobre a taxa de crecemento do PIB) cifra nun 1,5% a recesión a finais de ano.
"É moi probable" que se tomen accións contra Madrid, recoñeceu un comisario europeo consultado por Reuters. "Non é o que queremos facer. Pero si hai desviación, e é case inevitable [a final de ano], teremos que facelo", engadiu. Sobre os datos feitos públicos por ata tres ministros e que elevaban o déficit por riba do 8%, as mesmas fontes europeas foron rotundas: "Aínda estamos esperando polos datos oficiais, pero non confiamos nese cálculo".
2008 | 2009 | 2010 | 2011 (previsión) | |
---|---|---|---|---|
Déficit (%) | -4,5 | -11,2 | -9,3 | -6,6 |
Débeda pública (%) | 40,1 | 53,8 | 61 | 69,6 |
As contas públicas
Igual de duro é o reproche de Bruxelas a respecto da decisión de Moncloa de non presentar ata finais de marzo os orzamentos do Estado. Na actualidade están prorrogados. Malia que o ministro Luis de Guindos apuntou aos comisarios que querían ter todos os datos para poder elaborar as contas, a UE toma esta explicación como unha escusa e cre que Rajoy está agardando a que pasen as eleccións de Andalucía e Asturias. "O PP podería gañar alí [polos comicios andaluces] por primeira vez", remata a crónica de Reuters.
Palabras de Bruxelas
O comisario de Asuntos Económicos, Olli Rehn, acaba de comparecer. Cualifica de "enganosa" e "prematura" a información de Reuters, mais non aclara se é falsa. Luis de Guindos comparecerá esta tarde, mais será nun encontro informal cos xornalistas. Fontes próximas a Moncloa recollidas pola axencia EFE negan "categoricamente" a exclusiva de Reuters.