A UE ofrece dous millóns de axuda para recolocar parados do naval galego

Protesta de traballadores do naval en Ferrol Dominio Público Praza Pública

A Comisión Europea vén de propoñer este xoves unha axuda de 2 millóns de euros do Fondo de Adaptación á Globalización para axudar a recolocar 450 traballadores da industria auxiliar do sector do naval en Galicia, despedidos de 35 pequenas e medianas empresas, aínda que para liberar eses fondos sería necesario aínda o visto e prace do Consello e máis do Parlamento Europeo.

O comunicado de Emprego, László Andor, asegura nun comunicado que "a crise transformou o sector da construción naval, que en gran parte deslocalizou a súa actividade cara a outras rexións con custos máis baixo, en especial Asia",  polo que cre que esta axuda europea servirá para que os parados e as empresas poidan "adaptar as súas competencias, atopar un novo emprego e construír un novo futuro" e superar así "a grave crise que están sufrindo".

O plan, que precisa o visto e prace da Eurocámara e do Consello, iría destinado a 450 traballadores da industria auxiliar

Segundo aclara a Comisión, as autoridades españolas terían solicitado o apoio da Unión Europea para financiar un programa de tres millóns de euros, do que as arcas comunitarias cubrirían dous millóns. O propósito é axudar a atopar traballo aos despedidos do naval que peor o están a ter para reconducir a súa vida laboral. En concreto, o plan iría destinado a 450 dos 878 despedidos en 35 fabricantes de productos metálicos para os estaleiros galegos.

O programa deseñado pretende ofrecer orientación profesional e axuda á creación de novas empresas ou de actividade independente, pero tamén cursos de formación e reciclaxe, prácticas en empresas e outras medidas de acompañamento.

O Fondo de Adaptación á Globalización foi creado en 2007 para axudar ás persoas que perderon o seu posto de traballo debido ao impacto da globalización e en xuño de 2009 revisáronse as súas normas para reforzar o papel do FAG como instrumento de intervención rápida. Bruxelas estima que este mecanismo axudou a uns 91.000 desempregados desde que se creou.

Pancarta a prol do naval CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.