A UE teima nunha PAC "catastrófica" para Galicia

Vacas nunha explotación gandeira © Xunta

Unha reforma da PAC "catastrófica" para Galicia. O Sindicato Labrego Galego (SLG) define así a reforma da Política Agraria Común negociada no Consello de Ministros de Agricultura da UE e pretende "saír ao paso" do "triunfalismo" expresado polo ministro Arias Cañete. "Segue a ser moi lesiva para os profesionais do campo, tremendamente negativa para o modelo social e profesional da agricultura, e letal para os principais sectores agrogandeiros galegos, nomeadamente o lácteo, o vitivinícola e o cárnico", destaca.

O SLG advirte dunha PAC negativa para os principais sectores agrogandeiros galegos

O SLG destaca, no caso do sector lácteo, que a reforma "mantén a desaparición do sistema de cotas no ano 2015 sen ningunha alternativa reguladora", o que provocará un "asolagamento do mercado con excedentes e unha caída brutal dos prezos do leite en toda Europa, provocando a ruína de miles de explotacións". O sindicato repara no feito de que esta medida case non se notaría noutras zonas do Estado, pero será "catástrofica" para o medio rural galego e para o seu principal motor económico.

Ademais, o SLG tamén apunta a que se permitirá a ampliación dos dereitos de plantación de viñedo a razón dun 1% anual. Esta situación, co incremento da produción vitícola nun sector onde os prezos da uva adoitan a ser miserables e con moitas adegas que están a almacenar o viño elaborado porque non ten saída no mercado, e mesmo empresas que non pagaron a uva vendimada en 2011, "tamén abocaría o noso sector vitivinícola, coas súas cinco denominacións de orixe incluídas, cara ao desastre".

O sistema de cotas lácteo desaparecerá en 2015 sen alternativa reguladora ningunha

Tamén alerta o sindicato das "grandes incertezas" respecto á continuidade das axudas acopladas ás explotacións de carne das que dependen en gran medida a súa continuidade "ao estar situadas, normalmente, en zonas desfavorecidas de montaña da Galiza onde non é posible outra actividade agrogandeira ou económica".

Pero hai moito máis. O SLG alerta que a PAC "afondará na xigantesca estafa do sistema de axudas agrícolas comunitario". "Até o de agora, os máximos perceptores de axudas eran e son grandes terratenentes e empresas como o Príncipe Carlos de Inglaterra, a Duquesa de Alba, Mario Conde, Heineken, a tabacaleira Philip Morris, BASF, Nestlé ou o Credit Agricole Bank", recorda o sindicato, que vía no topo por axuda de 100.000 euros a solución para limitar así o cobro a agricultores activos con medianas e pequenas explotacións, as que "realmente teñen unha actividade profesional agraria, xeran postos de traballo e manteñen o medio rural vivo".

No entanto, Bruxelas non fixo caso da proposta a Comisión Europea, que elevaba o tope aos 300.000 euros por axuda, e deixou sen definir quen é agricultor activo. Deste xeito, "seguen abertas todas as cancelas para que estas empresas e terratenentes continúen a sangrar as arcas da UE mantidas cos impostos da cidadanía europea". "Seguiremos a permitir esta fraude milmillonaria na que, só no Estado Español, hai 910.000 perceptores de axudas da PAC, cando o número de persoas que cotizan á Seguridade Social Agraria é de 350.000", destaca o SLG.

"É unha PAC totalmente ilexítima ao eliminar os topes nas axudas e non vinculalas á xeración de traballo e beneficios sociais"

Para a secretaria xeral do sindicato, Isabel Vilalba, “trátase dunha PAC totalmente ilexítima dende o momento que se eliminan os topes no cobro de axudas e non se vinculan esas subvencións á creación e mantemento de postos de traballo ou xeración de beneficios sociais”.

O SLG remata así advertindo que só apoiará unha PAC que contemple, entre outras medidas: "a posta en marcha de novas medidas reguladoras da produción e do mercado leiteiro, regulamento público e limitación ao máximo das concesións administrativas de viñedo, avanzar na definición de agricultor activo para que sexa un requisito indispensable á hora de cobrar axudas, ou poñer un tope máximo inferior ao existente para que as axudas da PAC non sigan a ser un lucrativo negocio para moitas empresas e terratenentes sen vocación agraria".

Por outra banda, Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores supeditan os efectos da nova PAC en Galicia ao reparto que se faga no Estado das axudas. Así, os efectos sobre a gandeiría, e especialmente sobre o sector lácteo, dependerá de como o Goberno central decida repartir unha partida de 600 millóns de euros. En función das negociacións, o resultado sería "bo ou non", segundo UUAA, unha opinión na que coincide tamén XXAA.

Vacas nunha explotación gandeira © Xunta
Roberto García, Isabel Vilalba e Francisco Bello © SLG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.