"A vía xudicial é a única para recuperar todos os cartos das preferentes"

Concentración de afectados polas preferentes CC-BY-SA Merixo

"Diría que é a única forma de recuperar o 100% dos cartos. A arbitraxe está paralizada e só é efectiva para casos flagrantes, mentres que a quita é o que é e vai ser aínda maior do que se di". O avogado Juan José Pérez Barreiro, especializado en dereito bancario, teno claro. Foi el mesmo quen levou os tres últimos casos coñecidos de sentenzas que veñen de declarar a nulidade de varios contratos de participacións preferentes comercializadas por Novagalicia Banco. A entidade bancaria acaba de ser condenada a devolver a estes clientes máis de 100.000 euros en total.

"A vía xudicial é a única forma de recuperar o 100% dos cartos", di o avogado Juan José Pérez Barreiro

Pérez Barreiro traballa xa "en seis ou sete procedementos máis" e confía en que todos eles sexan favorables aos seus clientes. Como, segundo asegura, na maioría de casos referentes a preferentes ou obrigacións subordinadas. "Adoitan saír favorables; é certo que rexeitei algún caso, pero todos os que interpoño teñen viabilidade", insiste.

Malia as dúbidas dos milleiros de afectados pola estafa das preferentes ante a vía xudicial, Pérez Barreiro cre que "non hai ningunha opción máis factible" que esta para recuperar os cartos. E aínda que son moitos os afectados que temen a tardanza da sentenza, a experiencia deste avogado ourensán non é tal. "Depende moito do xulgado, pero estas tres últimas sentenzas foron moi rápidas; pasaron uns cinco meses desde o momento da demanda ata que se emitiu o ditame", explica, pendente aínda de se Novagalicia recorrerá, algo que está confirmado que non fará polo menos nun dos casos.

"Hai moitas reclamacións e máis que vai haber cando os afectados comproben que as quitas aínda serán maiores do que se di"

Pérez Barreiro recoñece que nos últimos meses están aumentando as demandas xudiciais de afectados polas preferentes, un ámbito no que el xa é experto, xa que tamén levou casos de aforradores do Banco Santander. "Hai moitas máis reclamacións e máis que vai haber cando a xente comprobe que as quitas serán aínda maiores do que se está a dicir agora", advirte.

En todos os casos dos que se ocupa, este avogado comproba un modus operandi semellante nas entidades bancarias, tamén en Novagalicia Banco. "Basicamente, convenceuse os afectados para cancelar depósitos a prazo fixo ou pasar os cartos dunha conta corrente normal para produtos que ofrecían intereses máis altos; baseáronse na confianza no director da sucursal e nunhas ordes de suscrición do produto na que non se pon nada nin se especifican as súas características", di. En definitiva, foron enganados. "Aínda que teñas unha certa cultura financeira, que non é o habitual, tampouco podes facer nada se non está escrito o que che están ofrecendo", insiste, tras engadir que "o máis factible" en todos estes casos é que o contrato "sexa anulado xudicialmente".

O 'modus operandi' coincide: un banco que abusa da confianza da xente para facerlles crer que teñen un depósito a prazo fixo e que poden retirar os cartos

As tres novas sentenzas que veñen de declarar nulos varios contratos de preferentes -dúas no Carballiño e unha en Celanova- poden servir de exemplo do que adoita a ocorrer nos últimos meses. Os argumentos nos que se basan os xuíces nestres tres ditames son semellantes e coinciden coas denuncias da maioría de afectados. En definitiva, enganouse a xente facéndolles crer que "tiñan un depósito a prazo fixo e que podían retirar os cartos".

Nestes tres casos, cuxas sentenzas son de entre marzo e abril de 2013 tamén se cumpre co modelo habitual. Eran aforradores duns 60 anos de idade que confiaban nos traballadores das oficinas. Nunha delas, a cantidade a devolver é de 16.000 euros, noutra de 48.000 e noutra máis de arredor de 50.000.

Protesta de afectados polas preferentes CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.