"Á xente gústalle cada vez máis saber quen elaborou o produto que está a comprar"

Produtos de Saborplace © Saborplace

Hai pouco máis dun ano Arantxa e Fátima (Enxeñeira Informática e Licenciada en Historia, respectivamente) botaron a andar Saborplace, unha web pensada para que consumidores de toda España, preocupados pola súa alimentación e pola orixe dos produtos que consumen, merquen directamente aos produtores, labregos e gandeiros, comida de calidade, ecolóxica e artesanal. Dende A Coruña para o mundo. O éxito e o crecemento foron inmediatos, demostrando que a preocupación por ter unha alimentación de calidade, e por saber o proceso de elaboración e o percorrido de comercialización preocupa a cada vez máis xente.

Arantxa e Fátima, que participaron hai uns días no Estruming Days presentando o seu proxecto, póñense en contacto cos produtores ecolóxicos, ou son os mesmos produtores as que as buscan, para mellorar e estender as súas canles de comercialización. Carnes, queixos, viños, conservas, empanadas, mel, licores artesanais, algas... Cestas enteiras de produtos que se envían cun custe (independentemente do número de produtos) por 7,95 euros, a calquera punto da Península en menos de 24 horas.

Carnes, queixos, viños, conservas, empanadas, mel, licores artesanais, algas... Cestas enteiras de produtos que se envían a calquera punto da Península en menos de 24 horas

Como nace Saborplace?


Saborplace nace hai xa un ano, exactamente o 24 de setembro do 2012. Fátima e eu coñecémonos realizando o Programa de Competencias Emprendedoras organizado pola Fundación da Universidade, a Fundación Ronsel e o Consello Social. Fátima é Enxeñeira Informática e eu son Licenciada en Xeografía e Historia e a raíz do desenvolvemento dunha idea de negocio, démonos conta de que as dúas eramos amantes da boa alimentación, a gastronomía e a natureza. E unha vez finalizado o Programa decidimos levar adiante o proxecto Saborplace.

Como entrades en contacto cos produtores?


Localizamos os produtores a través dos organismos nos que están rexistrados como produtores ecolóxicos, como é o caso aquí en Galicia do CRAEGA. Aínda que moitos deles, xa se poñen en contacto connosco porque nos coñecen polas redes sociais. Primeiro poñémonos en contacto por email coa maioría dos produtores, presentando o noso proxecto e a nosa filosofía e se ven que encaixan, ponse en contacto connosco e xa tratamos máis temas, como o funcionamento de Saborplace.

Que criterios seguides para seleccionar os produtos?


O que queremos é ofrecerlles aos clientes produtos de calidade e directamente dende os produtores. Actualmente traballamos con corenta produtores das diferentes categorías. O que queremos é dar a coñecer produtos tanto de Galicia como doutras comunidades autónomas, escollemos o mellor de cada unha delas.

"Hoxe en día a xente preocúpase moito máis polo que come e sobre todo por saber a orixe e a trazabilidade dos produtos que están a consumir. Cada vez máis á xente gústalle saber quen elaborou o produto que está a comprar"

Que produtos son os máis demandados?


Os produtos que máis demanda a xente son as froitas e as verduras ecolóxicas, a carne ecolóxica, queixos, aceite, as empanadas galegas artesás, e agora están moi de moda as cervexas artesás.

Preocupámonos cada vez máis polo que comemos?


Hoxe en día en xeral a xente preocúpase moito máis polo que come e sobre todo por saber a orixe e a trazabilidade dos produtos que están a consumir. Cada vez máis á xente gústalle saber quen elaborou o produto que está a comprar. É un dato moi positivo, xa que a alimentación, a boa alimentación, é algo primordial para a nosa saúde. Está claro que 'Somos o que comemos'.

Os produtores son conscientes das posibilidade que se abren para os seus produtos,
 cada vez máis demandados?


Os produtores cada día son máis conscientes de que teñen que abrirse ao mundo de Internet e que con iso se lles abre un abano máis amplo de clientes potenciais. Saborplace ofrécelles todas esas ferramentas para que poidan vender os seus produtos por Internet, e eles só teñan que preocuparse de elaborar o produto, un produto cunha gran calidade.

"Os produtores cada día son máis conscientes de que teñen que abrirse ao mundo de Internet e que con iso se lles abre un abano máis amplo de clientes potenciais"

Cara a onde evolucionará Saborplace? Que proxectos tedes?


O noso primeiro obxectivo é seguir dando a coñecer a marca Saborplace e os nosos produtores, e que cada día sexa máis xente a que compre, conte a súa experiencia e repita. Queremos crear unha comunidade ao redor de Saborplace. Temos varios proxectos en mente, e outros que dentro de moi pouco verán a luz. E a máis longo prazo, a nosa idea é dar a coñecer os nosos produtos noutros países.

Captura de pantalla da web © saborplace.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.