A xestión da crise deixa Galicia e outras 11 autonomías con máis débeda que orzamento

Reunión do Consello da Xunta, o pasado xoves © Conchi Paz

"Non gastar máis do que se ten", "facer máis con menos", "disciplina orzamentaria". Este foron algúns dos lemas que reiteraron ata a saciedade os gobernos durante os anos máis duros da crise económica. A caída de Lehman Brothers e o picazo da burbulla inmobiliaria española fan que o ano 2008 se sitúe como inicio dunha crise xestada moito antes e na que entes máis ou menos abstractos, como a troika ou os mercados, comezaron a ser convidados habituais do debate político, tamén en Galicia. O control do déficit, equilibrar anualmente ingresos e gastos, converteuse en norma constitucional e case en dogma de fe. Pero, ao mesmo tempo, a débeda das administracións, isto é, os cartos que piden prestados aos bancos e outros actores financeiros, non deixou de medrar. Tanto que, no caso das comunidades autónomas, só cinco delas teñen neste 2015 máis orzamento que débeda.

Só Asturias, Canarias, Extremadura, Navarra e Euskadi teñen máis fondos para gastar que cartos que devolver

Aínda que cada autonomía presenta cadanseus datos dun xeito propio é posible obter unha visión global a través dos informes nos que o Ministerio de Facenda amosa as contas dos Executivos autonómicos dun xeito homoxéneo. O cruzamento desta información cos datos de débeda que trimestralmente ofrece o Banco de España permite concluír que no inicio do presente 2015 unicamente Asturias, Canarias, Extremadura, Navarra e Euskadi tiñan máis orzamento de gastos, é dicir, máis fondos para investir nas diferentes áreas do goberno, que diñeiro pendente de devolver. Todas as demais teñen máis débeda que orzamento, Galicia incluída.

A radiografía que amosa o gráfico sobre estas liñas é o resultado de sete anos nos que a débeda autonómica se multiplicou mentres os orzamentos de cada unha das comunidades se estancaba ou, na maior parte dos casos, se reducía. Así, resulta ilustrativo observar cal era o panorama en 2008, os derradeiros orzamentos aprobados, nos máis dos casos, sen prever un escenario de crise, recesión e caída da recadación tributaria. 

En 2008 o orzamento da Xunta superaba en máis de 6.000 millóns a súa débeda

Naquel ano o orzamento de todas as autonomías, sen excepción, superaba as respectivas débedas e a única na que ambos valores estaban próximos era a Comunitat Valenciana, cunha diferenza de apenas 400 millóns entre o que gastaba e o que xa debía. No caso galego a Xunta dispuña aquel ano dun orzamento de gastos de 10.668 millóns de euros, case 1.000 máis que en 2015, e a débeda era de 3.954 millóns, 6.000 millóns menos que na actualidade.

Así as cousas, tampouco neste indicador Galicia pode gabarse de ser "a primeira" das comunidades autónomas en xestión económica. Das cinco autonomías con máis orzamento que débeda a maior distancia entre ambos valores dáse en Euskadi, que pode gastar 1.742 millóns de euros máis dos que debe en 2015. A continuación sitúase Extremadura, cuxo orzamento supera en 1.674 millóns a súa débeda, e Canarias, con 947 millóns en positivo. Navarra (640), Asturias (447) e Cantabria (72) completan unha lista na que a pequena comunidade de La Rioja actúa como fronteira, cunha diferenza de orzamento e débeda de apenas 1 millón de euros. Neste panorama Galicia é a primeira, pero entre as que presentan valores negativos, con 225 millóns menos de orzamento que de débeda.

Estas cifras rexistráronse nuns anos nos que a Xunta incrementou a súa débeda pública por riba do 150%, chegando o pasado 2014 a superar os 10.000 millóns de euros por primeira vez na historia da autonomía. Mentres a oposición parlamentaria contrapón estes datos co perfil "xestor" prometido por Alberto Núñez Feijóo ao chegar ao poder e insta a aclarar "en que se investiu" este endebedamento, a Consellería de Facenda reitera que "a comunidade galega vén mantendo unha política de control do endebedamento e do déficit público", e destaca que en 2014 foi "a comunidade de réxime común que menos incrementou o seu endebedamento".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.