A Xunta asume o argumentario de Rajoy para defender a suba do IVE

Feijóo, con Rajoy e Ana Pastor en Soutomaior © PP

Foi en pleno mes de agosto, cando a política galega espertaba do adormecemento estival para atender á posibilidade de que o presidente da Xunta adiantase as eleccións, como finalmente fixo. O 24 de agosto a dirección xeral de Relacións Parlamentarias entregaba no Rexistro do Parlamento unha resposta escrita da Consellería de Facenda ao PSdeG, que en maio cuestionara o departamento que dirixe Elena Muñoz pola súa posición a respecto da suba do IVE, daquela acabada de anunciar polo Goberno central. A intención dos socialistas era que ese debate se producise de maneira oral, nun pleno, pero a finalización do período de sesións, precisamente polo verán, provocou que a pregunta se transformase en escrita e que, finalmente, a Xunta defendese por escrito o incremento do imposto do valor engadido.

Nomeadamente, os socialistas cuestionaban a Facenda pola postura que adoptaría no seo do Consello de Política Fiscal e Financeira -órgano que xunta ás persoas responsables das finanzas das autonomías co Goberno central- sobre a suba impositiva. E para responder, o Goberno galego asume o argumentario posto en escena por Mariano Rajoy para defender unha medida que criticou con dureza dende a oposición, cando o Executivo presidido por José Luis Rodríguez Zapatero fixo que o tipo xeral do IVE pasase do 16% ao 18%. En esencia, o gabinete de Alberto Núñez Feijóo vén xustificar a incrementa polo carácter "extraordinario" da situación económica.

A Xunta gábase de non ter subido impostos e asegura que só incrementou ingresos "a través da loita contra a fraude fiscal"

Neste sentido, Facenda evidencia que "a caída dos ingresos públicos condiciona enormemente as políticas públicas de gasto", narrando ademais que a Unión Europea "aposta por un programa de estabilidade que asume o Goberno de España" e tamén as autonomías no CPFF. "Na senda da estabilidade fixada para España o cumprimento do obxectivo de déficit require a adopción de medidas extraordinarias -afirma- tanto dende o punto de vista do gasto, como dos ingresos públicos". Ademais de contradicir as críticas lanzadas contra Zapatero por esta mesma cuestión, a Xunta completa a súa resposta contrastando a decisión de Rajoy coas súas propias.

"O Goberno da Xunta vén de actuar (...) controlando e reducindo o gasto improdutivo e incrementando os ingresos públicos" algo que, asegura, fixo só "a través da loita contra a fraude fiscal". "Neste contexto a Xunta non subiu os impostos -algunhas taxas autonómicas si foron incrementadas- xa que soubo complementar os dous ámbitos de actuación, cumprindo coa estabilidade orzamentaria sen ter déficits disparados, como outras comunidades autónomas e mesmo o Estado en 2011", conclúe.

Feijóo, con Rajoy e Ana Pastor en Soutomaior © PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.