A Consellería de Medio Rural e Mar, dirixida por Rosa Quintana, considera que o avellentamento da flota pesqueira galega "non é preocupante". Nunha resposta remitida tras unha pregunta escrita do deputado do BNG Bieito Lobeira, a consellería asegura que "para algúns segmentos da flota o avellentamento que pode deducirse da media de idade non é tan real como puidera parecer". Segundo seus propios datos, a medida de idade da flota pesqueira de Galicia é superior aos 16 anos. En moitas modalidades (por caladoiros e especialidade), a idade media supera os vinte e incluso os trinta anos.
Chama á atención, en calquera caso, que o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, ofrece outros datos que duplican a gravedade do avellentamento da flota galega. No último informe sobre o estado dos buques elaborado por Madrid se conclúe que a flota galega ten unha idade media de 30 anos, o doble que a do País Vasco ou Cantabria.
| CCAA Porto Base | Total buques | Antigüidade media |
|---|---|---|
| Galicia | 5.198 | 30 |
| Asturias | 339 | 19 |
| Cantabria | 168 | 16 |
| País Vasco | 263 | 14 |
| Cataluña | 1040 | 30 |
| C. Valenciana | 697 | 22 |
| Baleares | 432 | 35 |
| Andalucía | 1.750 | 24 |
| Murcia | 221 | 30 |
| Ceuta | 38 | 30 |
| Melilla | 1 | 15 |
| Canarias | 969 | 37 |
| Total | 11.116 | 28 |
Segundo a explicación da Xunta, os datos non son reais xa que "gran parte da flota" resultou beneficiaria das axudas á modernización. A Consellería asegura, asemade, que os armadores non utilizan os créditos que o Goberno galego pon á súa disposición. Son moitos os estudos que demostran a relación entre a antigüidade dos buques e a súa taxa de sinistralidade, alén de que os barcos sexan sometidos a procesos de modernización ou mantemento.
O documento da ISL Market analysis World Shipbuilding and maritime casualties, dispoñible na web da Comisión Europea, conclúe que a partir dos 15 anos a sinistralidade aumenta de maneira exponencial. O reparto sería este:
| Franxa de idade | Taxa de sinistralidade |
|---|---|
| Máis de 25 anos | 22,8% |
| Entre 20-24 anos | 37,1% |
| Entre 10 e 14 anos | 5,3% |
| De 0 a 9 anos | 8% |