A Xunta de Feijóo esnaquiza o diferencial positivo do paro galego co de España

Oficina de emprego CC-BY Adrián Estévez

Galicia ten 277.400 parados e unha taxa de desemprego do 21,3%. Segundo os últimos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), o país perdeu 13.400 traballadores no último trimestre de 2012 e un total de 37.000 en todo o pasado ano, cun incremento do 5% e do 15,4% respectivamente. Unha vez máis, as cifras de aumento superaron as que se deron no conxunto do Estado, do 3,2% e do 13,1%, polo que o país segue eliminando o seu diferencial positivo con España, malia que a Xunta continúe agarrándose a un dato que dificilmente se lle pode atribuír á súa acción política. 

Pero Feijóo presume de cifras. "Galicia segue mantendo o diferencial á baixa a respecto da media do Estado", asegurou a pasada semana, tras lembrar que a taxa de desemprego no cuarto trimestre "está catro puntos por debaixo da de España" e logo de recordar tamén que "hai comunidades que superan o 30%".

Non lle falta razón en canto aos fríos datos, xa que a taxa de desemprego no conxunto do Estado é do 26% fronte ao 21,3% de Galicia. Triste consolo, máis aínda se se obvia a continua e cada vez máis abundante emigración xuvenil ante a falta de oportunidades.

A taxa de paro medrou co goberno bipartito algo máis dun punto; durante o mesmo período incrementouse sete puntos máis no Estado

Pero, de onde vén ese diferencial positivo na taxa de desemprego con respecto ao Estado? Enrique Negueruela, secretario de Economía da Executiva do PSdeG, advírteo cando lembra que desde a chegada de Feijóo á Xunta, o paro en Galicia medra a maior ritmo que no conxunto de España e que os datos positivos -se é posible denominalos así- "non se deben en ningún caso á súa acción política".

Así, e atendendo aos datos de desemprego da EPA, a taxa de desemprego medrou en Galicia un 1,1 puntos durante o goberno de coalición entre PSdeG e BNG, ao tempo que nese mesmo período, o incremento no conxunto do Estado era do 8 puntos, case sete máis que na autonomía. Así, no momento da chegada ao poder de Emilio Pérez Touriño, a taxa de paro na comunidade era do 11,1% e pasou ao 12,2% no primeiro trimestre de 2009, xusto antes da primeira vitoria electoral de Núñez Feijóo.

Desde a chegada de Feijóo ao poder, a taxa de desemprego pasou do 12,2% ao 21,3%

Pola contra, desde a volta do PP ao poder en Galicia en 2009, a taxa de desemprego en Galicia incrementouse en 9,1 puntos, ao pasar do 12,2% de comezos de 2009 ao 21,3% do último trimestre de 2012, mentres que no conxunto do Estado o incremento no mesmo período foi de 8,7 puntos, até alcanzar o 26%.

Con estes datos, Galicia diminúe cada vez máis o seu diferencial positivo con respecto ao Estado, pero confirma xa os seus peores datos en canto á evolución do paro desde a chegada de Feijóo ao poder hai agora catro anos. Unha ollada global deixa as claras os resultados. No último período de Manuel Fraga na Xunta, o paro alcanzou en Galicia o 11,1%, chegando nestes momentos ao 21,3%. Dese incremento, tan só 1,1 puntos son atribuíbles ao goberno progresista, fronte ao aumento de máis de 9 puntos do actual executivo popular.

O aumento do paro en España durante os gobernos de Fraga e Feijóo foi sempre menor ao que se deu en Galicia no mesmo período

O incremento do desemprego no conxunto de Estado durante a etapa dos gobernos de Fraga e Feijóo foi sempre menor ao que se deu en Galicia no mesmo período. De feito, desde a marcha de Fraga, a taxa de paro incrementouse en Galicia en 10,2 puntos, 9,1 deles durante o Executivo de Núñez Feijóo.

Comparación das taxas de paro durante os diferentes gobernos de Galicia © Enrique Negueruela
As oficinas de emprego están cheas de mozos e mozas na procura de traballo Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.