A Xunta deixa deserta a adxudicación do contrato para elaborar o DOG

Cabeceira do DOG © Xunta

O DOG está a piques de non ter quen o escriba ou, cando menos, de non ter unha empresa nova que realice tal labor. A Xunta vén de declarar deserta a adxudicación a través da que, por un importe de ata 721.000 euros, ía contratar os traballos da elaboración do Diario Oficial de Galicia durante un ano. Faino despois de que a única empresa que concorreu ao concurso público, Producciones MIC -unha editorial madrileña con sedes en Barcelona, Valladolid e Balears que se ocupa da edición de diversos boletíns municipais en Castela, entre outros labores-, non achegase a documentación que se lle requiriu dende a Xunta tras determinar, o pasado 20 de setembro, que ía ser a encargada de xestionar este servizo público.

Esta incidencia final que desemboca en que o concurso remate sen adxudicatario non é a única vivida ao longo do proceso, que xa estivo a piques de descarrilar a mediados de setembro. Daquela a mesa de contratación examinou a oferta económica da devandita empresa, que se ofrecía a xestionar o DOG por 405.358 euros, isto é, abaratando en máis de 300.000 euros o prezo de licitación -cantidade que a Administración está disposta a gastar como máximo- malia ofrecer máis persoal do mínimo establecido. Atendendo a esta oferta a Xunta considerou que Producciones MIC podería estar a incorrer nunha "baixa desproporcionada ou temeraria", isto é, que non fose quen de realizar o servizo nas condicións requiridas ao abaratar tanto os custos.

A empresa á que lle ía ser adxudicado o servizo tivo que xustificar que non estaba a incorrer nunha "baixa desproporcionada ou temeraria"

Atendendo á legalidade vixente, a Consellería de Presidencia instou a empresa a "desvirtuar" esta posible baixa temeraria, isto é, a presentar documentos que acreditasen que podería elaborar o DOG aforrando máis de 300.000 euros. Esta documentación foi presentada e o Goberno galego considerou "suficientemente xustificada a baixa", determinando que a editorial madrileña se ocuparía dos traballos de "composición, maquetación, corrección e correcta publicación na web" do DOG por 405.358 euros máis IVE, isto é, algo máis de 490.000 euros.

Unha vez decidida a adxudicación provisinal, Producciones MIC tivo 10 días para achegar documentos como un certificado da Seguridade Social "que acredite que se atopa ao corrente no cumprimento das súas obrigas", outro da Consellería de Facenda "no que conste que non ten débedas" coa Xunta e un máis da Axencia Tributaria "que acredite que se atopa ao corrente do pagamento das súas obrigas". Tamén se lle reclamou o documento que dea conta de que a empresa está dada de alta no Imposto Sobre Actividades Económicas, o xustificante de ter depositadas as garantías económicas esixidas no contrato, de que pagase os gastos de publicación do anuncio no DOG e de ter contratado un seguro de responsabilidade civil, entre outros.

O prazo correu e os documentos non foron presentados, segundo sinala a Xunta. Así as cousas, Presidencia ten agora dúas opcións diante de si: convocar unha nova licitación ou prorrogarlle o contrato á empresa que se ocupa actualmente do servizo, La Voz de Galicia, S.A, a quen lle fora adxudicado o primeiro contrato do DOG electrónico, en funcionamento dende maio de 2011. Durante aquel concurso a Xunta modificara o prego de condicións para deixar a porta aberta a que, no canto dun ano, as prórrogas puidesen estenderse ata seis anos se así o consideraba oportuno a propia Administración.

O DOG, en versión web © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.