A Xunta destina 900.000 euros a manter os seus xardíns

Edificio central de San Caetano CC-BY-SA Praza Pública

Non todos os complexos administrativos da Xunta son un conglomerado de ladrillo e cemento sobre asfalto. Boa parte destas dependencias oficiais, especialmente as levantadas durante os anos do fraguismo, locen abondosas zonas verdes e xardíns con non poucas especies vexetais e mesmo animais. Así, por exemplo, a pouco metros da sala na que se reúne o Consello da Xunta medran varias árbores e, ao seu carón, a auga cae en forma de pequena fervenza sobre un estanque con peixes. Do mesmo xeito, a residencia oficial de Monte Pío, vivenda do presidente, non só é unha casa que destaca pola súa arquitectura, senón tamén polo seu amplo entorno axardinado. Todas estas superficies precisan un coidadoso mantemento para, en verbas da Vicepresidencia, departamento que se encarga do mesmo, "permitir os usuarios das dependencias administrativas" e os "traballadores públicos" o seu "desfrute en condicións óptimas". Ese mantemento ten un prezo de case 900.000 euros.

Con prórrogas ou modificacións o contrato podería superar o millón de euros

O departamento que dirixe Alfonso Rueda vén de iniciar os trámites para contratar o "servizo de mantemento da xardinaría interior e exterior de edificios da Xunta de Galicia" para o que resta de 2013 e ata finais de 2015. Para esta fin o Goberno galego reserva unha partida de ata 735.867,77 euros que, unha vez aplicado o correspondente IVE, chega aos 890.400 euros. En caso de prórrogas ou modificacións o valor estimado do contrato pode superar os 1,5 millóns de euros para manter os xardíns de case unha quincena de instalacións en toda Galicia, a maioría en Santiago, e as xardineiras ubicadas en trinta e catro edificios oficiais.

A instalación con maior superficie considerada "zona verde" é a Academia Galega de Seguridade Pública, na Estrada, con case 89.000 metros cadrados que teñen esta consideración. A continuación sitúase a residencia de Monte Pío, con 12.400 metros que a deixan por riba do complexo administrativo de referencia da Administración autonómica, os servizos centrais de San Caetano, que chegan aos 10.977 metros cadrados de zona verde, os cales, unha vez sumados os correspondentes "pavimentos", chegan aos 22.745 metros. Non obstante, Monte Pío e San Caetano quedan por baixo, no que a superficie axardinada se refire, do complexo de San Lázaro, construído en tempos de Fraga para acoller instalacións como o Sergas e a Consellería de Traballo. Alí as zonas verdes, con fontes e estanques, superan os 15.000 metros.

A Xunta conta con máis de 140.000 metros cadrados de xardíns nos que medran máis de 6.000 arbustos, 1.200 flores e 315 árbores; nos edificios cóntanse 1.390 xardineiras

Non todos estes xardíns teñen as mesmas especies vexetais, nin por variedade nin por cantidade. Así, por exemplo, en Monte Pío hai máis de 4.000 arbustos cunha altura superior a un metro, 80 árbores e 300 flores. En San Caetano as flores son máis, case 900, e cóntanse 71 árbores, 483 arbustos de máis dun metro e máis de 130 metros de setos. No que atinxe ás xardineiras, en San Caetano hai rexistradas 622, en San Lázaro máis de 200 e na residencia oficial de Monte Pío non chegan á vintena. En total a Xunta conta con máis de 140.000 metros cadrados de xardíns nos que medran máis de 6.000 arbustos, 1.200 flores e 315 árbores sen contar as 1.390 xardineiras.

Para manter actualizados estes datos a Vicepresidencia pide que a empresa adxudicataria do contrato dispoña "dunha aplicación informática con comunicación web na que se manterá actualizado o inventario de plantas, árbores e arbustos" e recolla, "como mínimo, fotografía, tipo de planta, localización e a maiores, no caso da xardinaría interior, tipo e medida da maceta". O contratista terá que dispoñer, ademais, doutro sistema informático para controlar o consumo de auga para regar as plantas, que tamén serán obxecto de "labores de conservación, reposición, poda e tratamento de feridas". No caso dos estanques de San Lázo, San Caetano e a Academia de Seguridade, "controlarase o estado de salubridade da auga" e a súa "temperatura". Ademais, a empresa terá que "alimentar a fauna" e encargarse da "reposición dos peixes mortos".

Vista do complexo de Monte Pío © Google Street View

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.