A Xunta destrúe case catro de cada dez empregos que se perden en Galicia

Protesta do persoal da Xunta, en San Caetano CC-BY-SA Merixo

O ritmo de destrución de emprego en Galicia incrementouse un 5% no último ano, unha aceleración que vén provocada pola aplicación da reforma laboral, tal e como denuncia Comisións Obreiras (CCOO), que analiza e critica nun estudo a reforma do mercado de traballo que "non tivo ningunha das consecuencias positivas prometidas polo PP, senón todo o contrario".

A Xunta destruíu o 37% do emprego en Galicia no último ano

Segundo o informe de CCOO, dos 52.000 postos de traballado destruídos no país durante o último exercicio, a inmensa maioría corresponde a persoal asalariado dos sectores público (27.000) e privado (22.000). Pero se se debulla, o estudo conclúe tamén que a Xunta de Galicia é "a administración que máis se beneficiou da reforma laboral" ao concentrar o 37% de todos os empregos perdidos no país entre o primeiro trimestre de 2012 e o de 2013.

Para CCOO, o incremento da destrucción de emprego nos últimos doce meses débense "ás facilidades para o despedimento" que proporciona unha reforma laboral que, segundo o Goberno e o PP, acabaría coa dualidade e coa segmentación do mercado laboral e corrixiría as diferenzas entre persoal fixo e temporal. No entanto, os seus resultados son dramáticos e, tal e como denuncia o sindicato, o que se logrou foi "unha igualación por abaixo". "Vólvese máis precario o emprego indefinido e facilítase o despido dos traballadores", insiste.

"O emprego indefinido vólvese máis precario e o despido facilítase", denuncia CCOO

E os números non erran. Unha gran parte dos despedimentos levados a cabo nos últimos anos realizáronse a través de expedientes de regulación de emprego (ERE) que as empresas aproveitaron favorecidas pola reforma laboral. Así, en 2012 incrementouse un 163 % o número de expedientes non pactados, mentres que se duplicaron os pactados. Tamén aumentou un 39 % a cifra de persoas incluídas nun ERE (28.829), das que o 9 % acabaron co seu contrato rescindido.

 

Persoal da Xunta corta o tráfico a carón de San Caetano CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.