A Xunta esixe Windows para 581 ordenadores cofinanciados con cartos da UE

Vista parcial do prego de condicións, coa referencia a Windows CC-BY-SA Praza Pública

O Parlamento, a Consellería de Facenda... e agora, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) ou, o que é o mesmo, o organismo que se encarga da "definición, o desenvolvemento e a execución dos instrumentos da política da Xunta no ámbito das tecnoloxías da información e comunicacións, e a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico". Esta axencia pública adoita centralizar, dende a súa posta en marcha, a compra de equipamentos informáticos para os diferentes departamentos da Administración autonómica. Isto é, precisamente, o que se dispón a facer coa licitación dun contrato de cinco lotes de material tecnolóxico que, en total, suman 895.545,20 euros, IVE incluído. O 80% deste cuantioso montante está confinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa FEDER Galicia.

Dentro dos cartos consignados para esta compra unha partida de ata 421.806 euros servirá para financiar a compra de "581 ordenadores de posto de traballo", equipos "completos" que deben incluír cadansúa pantalla. Entres as "características técnicas mínimas" que reclama a Amtega figura que cada ordenador ten que contar cunha "licenza para poder instalar Microsoft Windows 7 Professional na máquina física ou nunha virtual nesa mesma máquina física". Isto implica, polo tanto, que as empresas interesadas na licitación nin sequera terán a oportunidade de ofrecerlle á Xunta ningunha outra alternativa en canto ao sistema operativo dos ordenadores aínda que, por exemplo, unha solución baseada en software libre puidese estar máis adaptada ás necesidades da administración e ser tamén máis económica para o erario.

A Xunta sitúa como "característica mínima" dos ordenadores que conten "cunha licenza para poder instalar Windows 7 Professional"

A esixencia de que os ordenadores traian consigo o sistema operativo de Microsoft é situada polo Executivo galego ao mesmo nivel que outros requisitos como o tamaño da pantalla -vinte e dúas pulgadas-, o número de portos USB -un mínimo de seis- ou as capacidades de memoria RAM -catro xigas- ou disco duro -120 xigas-. Ademais, o Goberno "valorará" tamén á hora de decidir á que empresa lle realiza a encarga que a "minitorre" do equipo teña "ergonomía" ou presente "encaixe estético coas instalacións" nas que se vaia empregar. Tamén se terá en conta "a incorporación de logos corporativos", segundo figura no prego de condicións técnicas da licitación.

Ademais destes ordenadores a operación implica tamén a compra de 30 impresoras -10 en cor e 20 multifunción en branco e negro-, "licenzas de uso de software de xestión do posto de traballo" para 15.000 postos, 250 lectores de códigos de barras de man e 550 impresoras de etiquetas -cada unha cun rolo de 2500 etiquetas-. Todos os equipamentos, segundo reclama a Xunta, deben ter "unha garantía in situ de cinco anos" e a empresa que os subministre debe garantir un "tempo máximo de resposta" de 24 horas no caso de avarías. Os aparellos mercados serán entregados en Santiago tres meses despois dende a formalización do contrato agás as licenzas, que a Xunta as require nun mes.

Mar Pereira, directora da Amtega © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.