A Xunta fía a un recurso a solución temporal para o naval galego

Guindastres do estaleiro Barreras, en Vigo CC-BY-NC-SA taburete

O Goberno central e a Xunta téñeno claro. Recorrer o ditame da Comisión Europea sobre a devolución das axudas do tax lease é a alternativa polo momento. Tal e como xa fixera este mércores o presidente Feijóo, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, di confiar en que a resolución "poida ser asumible" por parte dos investidores, pero teimou en solicitarlle ao Executivo que recorra a decisión ante o Tribunal de Xustiza Europeo e solicite así unha suspensión cautelar que arranxe o problema temporalmente nos vindeiros anos.

Segundo Conde, e tal e como dixo nunha entrevista na Radio Galega, debería traballarse "nunha dobre dirección": primeiro recorrendo unha decisión "claramente inxusta e irresponsable" e logo, "pensando no futuro" para "xerar un espazo de confianza dentro dos investidores, co traballo dos estaleiros e convencendo a armadores" do potencial de Galicia e España no sector.

Feijóo e Conde insisten nun recurso xudicial que provoque unha suspensión cautelar do ditame da Comisión

No entanto, a primeira intención da Xunta é a suspensión cautelar do ditame da UE. Ir tirando mentres se intenta arranxar o problema de fondo. "Hai que solicitar esa suspensión cautelar mentres se analiza porque entendemos que hai argumentos xurídicos moi sólidos que poden ser escoitados polo Tribunal de Xustiza e que levarían á non devolución das axudas", di. A intención: que os investidores "non teñan que reintegrar as bonificacións ao igual que tampouco as teñen que devolver armadores ou estaleiros". Feijóo, só un día antes, optara por esa suspensión cautelar coa que quedaría "resolto durante bastante tempo o panorama desde o punto de vista de non ter que devolver cantidade algunha ata que o Tribunal resolva".

A resposta do Goberno central foi inmediata e o ministro de Industria, José Manuel Soria, vén de anunciar que os servizos xurídicos do Estado xa estudan como recorrer a decisión anunciada polo comisario Joaquín Almunia. "O Executivo irá ata as últimas consecuencias para defender os dereitos dos que investiron na construción de barcos", insistiu, tras lembrar que sempre se empregaron "argumentos xurídicos" para defender a posición española.

O ministro Soria avanza que os servizos xurídicos do Goberno xa estudan como recorrer a decisión da Comisión Europea

En declaracións a RNE, Soria volveu afirmar que o Goberno recibira a "beizón" da antiga comisaria de Competencia, Neely Kroes, e lembrou tamén que a decisión final da Comisión "é menos do que se tiña que devolver hai unha semana, pero moito maís do que se debería devolver, que é nada". Ademais, advertiulle á UE que a construción de buques que se perde en España non irá a Holanda ou Alemaña, senón "a Asia". "En Europa teñen que empezar a pensar que non só hai que defender teoricamente o discurso da reindustrialización, senón ao mesmo tempo adoptar medidas, e non aquelas contrarias a esta reindustrialización".

Investidores que aproveitaron o 'tax lease', como Inditex ou El Corte Inglés, tamén recorrerán o ditame

Pero o Goberno non será o único en recorrer. Investidores que se aproveitaron do sistema do tax lease, como Inditex ou El Corte Inglés -ademais doutros- xa anunciaron que acudirán a Xustiza, tal e como adiantou Álvaro Platero, presidente da Asociación de Pequenos e Medianos Estaleiros en Reconversión (Pymar), que asegura que o dano que se lles fai á imaxe destas empresas é moito maior ao que gañaron co investimento, que comparou cun investimento en bonos do Estado.

Platero adiantou tamén que serán uns 200 barcos os que se verán afectados pola resolución final da Comisión Europea, durante un almorzo informativo organizado por Nueva Economía Forum. Segundo os seus datos, 73 buques non terán que devolver as axudas, ao modificarse o período ao que lle afectará a sanción, polo que se mostou "moderadamente optimista".

Ademais, o presidente de Pymar deixou claro que o impacto da devolución das axudas dependerá do Goberno español, que terá que por "a letra pequena" e intentar minimizar "o dano que se fixo durante anos", tras lembrar que os cartos serán recuperados pola Facenda española e non por Bruxelas.

Nese aspecto centrouse tamén Joaquín Almunia, que nunha entrevista na SER, dixo sentirse "dolido e con dor" por "como se xogou co medo de xentes que non van ter que devolver diñeiro ningún". "Sentín vergonza por como se manexaba ese medo e se trataba de converter os traballadores nos paganos da miña decisión", dixo o comisario de Competencia, que cre que se "esaxerou ata límites inimaxinables" as consecuencias da devolución das axudas recibidas entre 2007 e 2011.

Almunia di sentir "vergonza" de "como se manexou o medo dos traballadores" e insiste en que se esaxera o impacto da devolución

"A decisión non vai contra o naval, senón contra os que se beneficiaron indebidamente das desgravacións fiscais", dixo Almunia, que cre que os que o atacan a el "ignoran totalmente" o papel da Comisión, aínda que respecta o dereito de España a recorrer a decisión, o que non quita que pense que os seus argumentos non serán tidos en conta.

Para o comisario, o naval ten futuro, xa que poderá beneficiarse dun sistema de apoio financeiro "perfectamente legal" avalado polas institucións europeas. Antes, segundo di, espera que o Goberno se poña "a traballar" para ver a quen lle corresponde recuperar unhas desgravacións "que son de todos os contribuíntes".

Feijóo, con Francisco Conde nunha imaxe de arquivo © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.