A Xunta financia os medios cunha inxección de 1,7 millóns

Reunión do Consello da Xunta © Xunta

Máis axudas no remate do ano. Apenas unha semana despois de coñecer que, en apenas catro meses, a Secretaría Xeral de Medios repartira case 800.000 euros entre diversos diarios impresos a través de convenios, este departamento dependente da Presidencia da Xunta vén de publicar no DOG o resultado das súas principais axudas do ano. Estas, ao contrario que os convenios, si responden a unha orde de subvencións da que é posible coñecer as súas condicións e siguen representando, segundo o Consello de Contas, unha parte menor das inxeccións económicas do Goberno aos medios de comunicación. Desta volta, os fondos distribuídos son 1,7 millóns de euros que van parar a algo máis dunha vintena de empresas e grupos empresariais.

Aínda que a relación publicada pola Xunta non detalla que empresas forman parte do mesmo grupo e cales non si é posible realizar sinxelas sumas para coñecer con maior fiabilidade o reparto dos fondos. Segundo os datos oficiais a empresa máis beneficiada é La Voz de Galicia, S.A., que recibe en solitario 611.210,56 euros. A esta cantidade cómpre engadirlle os 43.314 euros da empresa Canal Voz e 24.400,48 de Voz de Galicia Radio, para achar o resultado de 678.925,52 euros. A continuación a empresa editora que máis recibe é o Grupo Prensa Ibérica a través das súas dúas cabeceiras: Faro de Vigo S.A.U. obtén 258.611,15 euros e La Opinión de La Coruña, S.L.U. recibe unha subvención de 29.391,20 euros. Ademais, Faro de Vigo Media S.L é subvencionada con 18.222,40 euros.

Entre os criterios para repartir as axudas figuran o número de exemplares vendidos e o "emprego regular do galego por parte do medio"

Neste contexto, estes dous grupos empresariais reciben case o 60% dunhas axudas nas que o terceiro beneficiario con maior contía é o grupo que ten o diario lugués El Progreso como matriz. No seu caso, El Progreso de Lugo, S.L. obtén 134.459,12 euros e Lérez Ediciones, S.L., que edita o Diario de Pontevedra, obtén 65.699,57. A maior distancia está a Editorial Compostela, S.A (El Correo Gallego), cunha partida de 105.407,44 e outra de 7.841,08. A continuación atópanse empresas radiofónicas como Uniprex (Onda Cero), con 63.211,33 euros, Radio Popular (COPE), con 57.765,96 euros ou Radio Coruña, que recibe 40.636,54. A relación complétana empresas como Radio Pontevedra (37.596,92), Radio Vigo (36.777,68), Radio Lugo (21.273,82), Radio Orense (17.568,73) ou a Cadena SER (14.185,82), ademais das axencias Europa Press (6.147,11) e EFE (6.057,87).

Segundo a convocatoria destas axudas o reparto económico está baseado en criterios como "a difusión de exemplares", que pesa o 65%, o "emprego regular do galego por parte do medio", cunha importancia do 30% e a "porcentaxe de publicacións, informacións ou emisións encamiñadas á normalización da lingua galega e á difusión da identidade e cultura de Galicia", co 5%. No caso das radios o número de ointes pesa un 70% e o "emprego regular do galego" un 30%. Para as "empresas que transmitan a súa actividade informativa media internet" tense en conta o número de visitas, co 70%, e o emprego do galego, cun 30%.

Publicacións periódicas en galego

As publicacións periódicas en galego suman 445.000 euros en axudas

Precisamente a lingua galega é o criterio utilizado para distribuír outra liña de axudas tamén coñecidas no último día de 2012, as destinadas ás publicacións periódicas que só empregan a lingua propia do país. Neste caso a asignación é menor que na anterior orde, cun reparto de 445.490,73 euros que van parar a doce empresas encabezadas por Galicia Proxectos de Comunicación, S.L., editora do xornal De Luns a Venres (Grupo El Progreso), que ten unha achega de 250.000 euros. As demais axudas son notablemente máis modestas, aínda que o seu reparto tamén e dispar. Garherve S.L (editora de O Sil) recibe 16.810,34 euros, o Grupo Código Cero é subvencionado con 16.659,28 euros e Arrincamos, S.L, con 16.636,04.

Nunha banda semellante ás anteriores están empresas como Crónicas da Comarca (16.366,84), Ediciones Edisport (16.150,05), Félix Jorquera Caselas S.L., (16150,05), Atlántica de Información e Comunicación (16.016,57) e Miguel Manuel Muñiz Domínguez, que pecha o rexistro con 13.299,08 euros.

Fonte: Xunta de Galicia CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.