A Xunta inxecta 10 millóns en Citroën a través dun patrocinio

Un dos vehículos que se fabricará en Vigo © Citroën

Patrocinio ou subvención? O Consello da Xunta deste xoves autorizou o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) a inxectar 10,7 millóns de euros na planta viguesa de PSA Citroën. Esta autorización chegaba vinte e catro horas despois de que a multinacional francesa fixese público o lanzamento do "Berlingo eléctrico made in Spain", un "novo vehículo comercial desenvolvido en colaboración coa Xunta de Galicia" que "se producirá no centro de Vigo, unha das principais plantas coas que conta en Europa o grupo PSA Peugeot Citroën". Na nota oficial a empresa automobilística desenvolve con detalle as características técnicas do novo coche pero non menciona, en ningún punto, que por tras da operación estea a promoción turística de Galicia ou que esta se desenvolva pola vía do patrocinio. Xusto os argumentos empregados pola Xunta para facer público o acordo.

Segundo explica o Goberno galego a Xunta "impulsa a primeira furgoneta eléctrica producida integramente na comunidade" para "promocionar a marca Galicia a nivel internacional", "dar a coñecer a imaxe" do país no mundo e "afondar na promoción económica da comunidade". Todo isto, explica o Executivo nunha nota oficial, lograrase a través da inclusión "nas carrozarías" dos automóbiles da marca turística creada pola propia Xunta, para lograr así maior "visibilidade" como "un territorio capaz de producir un vehículo pioneiro, ecolóxico e da máis avanzada tecnoloxía". O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sinala que os nomes da furgoneta serán "Berlingo Galicia" e "Partner Galicia", denominacións que tampouco fai constar Citroën na súa descrición do produto.

Así as cousas, ningunha das dúas partes, nin a Xunta nin a empresa, concretan en que consiste o, en palabras de Feijóo, "compromiso de ir da man no lanzamento dos novos vehículos eléctricos". Así e todo, e malia falar do ámbito turístico, o Goberno enmarca a decisión na súa estratexia de "impulsar o crecemento da industria" do automóbil "co desenvolvemento dunha estratexia integral de apoio baseada en facer fronte ás necesidades actuar do sector". Deixa así entrever, polo tanto, que o presentado como un patrocinio é realmente unha axuda indirecta á empresa.

Os vehículos Citroën co nome de Galicia non constitúen, en todo caso, o primeiro anuncio da Xunta relacionado co vehículo eléctrico. Non en van, en marzo de 2011, a dous meses das eleccións municipais, a propia Consellería de Industria presentaba, xunto ao daquela presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, o proxecto para, sobre o papel, instalar unha fábrica de coches eléctricos da compañía británica Xero no concello de Melón. O Goberno galego comprometía daquela "apoios públicos por case 11 millóns de euros" para lograr "1.000 postos de traballo". Máis dun ano e medio despois a fábrica semella que quedou só nun proxecto.

 

Un dos vehículos que se fabricará en Vigo © Citroën
Logotipo que se incluirá nos coches © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.