A Xunta lava as mans con Regaki: quioscos baleiros e cinco meses sen cobrar

Manifestación contra os despidos en Cogami CC-BY-SA CIG

"Cada vez estamos peor". Así resumen a súa situación actual os 90 traballadores da Rede Galega de Kioskos (Regaki) de Galicia. Persoas con discapacidade que atendían os 37 establecementos que operaban en Galicia e que levan tempo agardando unha solución logo de que o grupo Cogami, ao que pertence a Rede, presentase concurso de acredores ante a súa suposta insolvencia, suspendese pagos e deixase de pagarlles os salarios.

Os traballadores discapacitados acumulan cinco meses sen cobrar e o seu soldo era o salario mínimo

Logo de moitas semanas traballando sen case material, sen prensa e sen calefacción, os quioscos pecharon e os empregados acumulan cinco meses sen cobrar e seis nóminas impagadas, xa que tamén lles deben a paga de Nadal. Era o salario mínimo, uns 645 euros "que lles permitía unha certa independencia a estas persoas con discapacidade", tal e como aclara Purificación Fernández, representante de Comisións. Reclamaron a intervención da Consellería de Traballo, que lles pagaba a metade do soldo, pero a resposta deixounos aínda máis "desilusionados e frustrados". 

"Confirmáronse as sospeitas de todos os traballadores", explican. As que tiñan de que a Xunta mantiña o seu apoio incondicional a Cogami, malia as múltiples denuncias contra a Confederación -tamén por acoso laboral-, a situación dos empregados e as axudas públicas que recibiu nos últimos anos. A intervención da conselleira Beatriz Mato no Parlamento a unha pregunta de AGE acabou coa paciencia. Asegurou que ofrecera mediación ás partes, pero os traballadores aclaran que só o fixo coa empresa, que o rexeitou. Falou ben dunha compañía que dixo "respectada" e lavou as mans.

Os empregados de Regaki critican a defensa que a Xunta fai de Cogami, que cobrou milleiros de euros en subvencións públicas

"Chegou a dicir que se debería escoitar máis a empresa e menos os traballadores", denuncian uns empregados que lembran que o conflito é cunha empresa pertencente á ONG sen ánimo de lucro Cogami, que recibiu no último ano e medio uns 1,5 millóns de euros da Consellería de Traballo en subvencións para, precisamente, cubrir o custo laboral de manter centros especiais de emprego. O grupo matriz GES (Galega de Economía Social), segundo a CIG, recibiu un total de case 3 millóns de euros en axudas do Goberno galego en 2014.

E o máis grave: a Consellería entregoulle á empresa 250.000 euros tan só uns meses antes de que suspendese pagos e para sanear as súas contas e que irían acompañados dun plan de viabilidade ata 2018. A Xunta xustifica a subvención e aclara que, unha vez dada, non hai seguimento. Os traballadores pediron que estes cartos fosen empregados para pagar o que se lles adebeda, pero nada se fixo. 

A Consellería de Traballo entregoulle á empresa 250.000 euros tan só uns meses antes de que suspendese pagos

"O único no que ten razón a conselleira é en insistir en que o asunto está xudicializado", aclaran os traballadores. Coincide Beatriz Mato coa única resposta que dá a empresa, "É o administrador concursal o único que pode aclarar a situación", insisten. O último auto da xuíza desestima o ERE de extinción e xa houbo algunha oferta, segundo aclaran os sindicatos. Unha delas procede do xerente e dun coordinador provincial de Regaki; e a reacción de varios traballadores foi solicitar a extinción dos seus contratos, buscar unha solución e, polo menos, cobrar o paro. "Téñenlles pánico; non están dispostos a pasar polo mesmo que pasaron nin por esa situación de escarnio e trato irrespectuoso; tentarán evitar traballar con esa xente como sexa... Son os mesmos cans con distinto colar", chegan a dicir. "Teñen unha idea clara: que lles limpen a empresa a través do concurso e que pague o Fogasa para quedar eles cos quioscos rendibles", engaden. 

Ao tempo, as situacións persoais empeoran. "Ao drama laboral e económico engádese o drama social", explican. Logo das discutidas respostas da conselleira Mato hai uns días no pleno do Parlamento, unha das afectadas que acudira tivo que ser atendida por un ataque de ansiedade. É unha das persoas que traballaba nos quioscos, que non ten ingresos e que, como a maioría deles, precisa de medicación. "Está xogando con ela e non tomando toda a que debe porque non quere deber máis cartos", conta a representante do cadro de persoal. 

"Ao drama laboral engádese o drama social". A maioría dos empregados precisan medicación que en moitos casos xa non poden mercar

"Estamos en risco grave por non poder comprar as menciñas", engade outro dos afectados, que asegura que os traballadores están a ser "vítimas do goberno do PP, que se desentende dunhas 90 familias que a maioría só ten como único ingreso ese salario, mentres presume dun suposto gran labor social das persoas con discapacidade, cando o único que fai é regalar cartos públicos a supostas ONG como Cogami". "Moitos tiveron que volver a casa dos pais e perder a pouco independencia que tiñan", engade outro. "Condénannos á pobreza", finaliza. 

Quiosco de Cogami en Compostela © Cogami
Manifestación contra os despidos en Cogami CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.