A débeda medra menos que no resto de autonomías, pero medra. O proxecto de Orzamentos Xerais para 2013 que se tramita no Parlamento dende finais de decembro vai na liña dos últimos anos no que respecta ao incremento da débeda pública da comunidade autónoma. Despois de que, na súa primeira lexislatura, o gabinete que dirixe Alberto Núñez Feijóo aumentase, segundo datos do Banco de España, en practicamente un 100% o endebedamento de Galicia -pechou o terceiro trimestre de 2012 con 7.622 millóns- o Goberno galego móvese xa no entorno do 13% do PIB que o Goberno central impón como tope e prevé seguir emitindo débeda no ano que comeza mentres os xuros da que xa comprometeu seguen a pasar factura. Nomeadamente, 4 millóns máis que en 2012.
Segundo os cadros orzamentarios da Consellería de Facenda durante 2013 sairán das arcas autonómicas 290,91 millóns de euros para a partida de "xuros de debeda pública e préstamos", mentres que no exercicio anterior a cifra quedou en 286,80 millóns. A esta cantidade hai que engadirlle os 6,4 millóns que o Executivo prevé gastar en "emisión, formalización, modificación e cancelación de débeda" -o mesmo que no anterior orzamento- e o montante principal, o de "amortización de débeda pública e préstamos", fixado en 813,6 millóns de euros ou, o que é o mesmo, un incremento 276,16 millóns.
A débeda pública incrementou en case un 100% dende 2009 e pechou o terceiro trimestre de 2012 en 7.622 millóns
O Goberno presenta estas cifras mentres a oposición parlamentaria e colectivos sociais como a Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública xa alertan da posibilidade de que Facenda teña que modificar as súas previsións de endebedamento. A causa, alerta, estaría na operación efectuada pola Consellería de Sanidade para incorporar créditos do Banco Europeo de Investimento (BEI) e do Instituto de Crédito Oficial (ICO) ao financiamento do novo hospital de Vigo, impulsado a través do sistema de colaboración público-privada. Segundo os criterios da Unión Europea, advirten, estas operacións poderían computar como débeda pública e, polo tanto, descadrar as contas da Xunta.
Neste contexto, durante a presentación dos Orzamentos a titular de Facenda, Elena Muñoz, defendía que o incremento da débeda estea nun 10% nestes orzamentos, xa que está por baixo "da media de incremento do resto de comunidades". "Galicia é a comunidade na que menos se incrementa a partida dedicada a gastos financeiros" por "ser quen de controlar o nivel de endebedamento", asegura. Na mesma liña, o presidente da Xunta asegura que o seu Goberno realiza un "enorme esforzo" para "rebaixar o incremento da débeda á metade". Ese "esforzo", xunto co cumprimento dos límites de déficit, afirma, permitirá que o seu gabinete vaia a "tentar seguir sendo autónomos e non ter que acudir ao rescate" mentres se "reduce progresivamente a dependencia sobre a débeda", mantén.