A Xunta pecha a entrada de novas facturas no seu orzamento ata 2013

Feijóo, coa conselleira de Facenda no Consello © Xoán Crespo

O ano pasado o 30 de setembro e este, o 7 de novembro. A pasada primavera unha das máis agres polémicas entre o Goberno galego e a oposición parlamentaria tivo como argumento central o peche do exercicio económico de 2011, isto é, o momento en que a Consellería de Facenda dá a orde de que non se atendan novos compromisos de gasto -novas facturas- ata o ano seguinte. Daquela a Xunta botáralle o cerrollo ás súas contas antes do inicio de outubro para, segundo se recoñeceu posteriormente dende San Caetano, "disciplinar" o gasto e "garantir o cumprimento da estabilidade orzamentaria". Isto, segundo admitiu no Parlamento a interventora xeral da comunidade autónoma, Almudena Chacón, "non implica deixar de pagar", pero si "que non se inicien novos expedientes de gasto".

Unha vez pasado o período electoral -se o calendario fose o mesmo que en 2011 o freo ás novas facturas chegaría tres días antes do inicio da campaña- Facenda vén de publicar a orde "pola que se regulan as operacións de cerramento do exercicio de 2012". Ditada o pasado martes, establece que os "documentos contables -facturas-" que se cargan aos capítulos II e IV do orzamento -gastos correntes e transferencias a outras entidades e administracións- non poderán seguir sendo tramitados ata 2013 se están "en fase RC para A", se son "documentos A, documentos D e documentos AD de exercicios correntes e futuros".

Se o calendario fose o mesmo que en 2011 o freo ás novas facturas chegaría tres días antes do inicio da campaña electoral

Estas siglas corresponden á linguaxe orzamentaria e queren dicir que no que resta de novembro e en todo decembro ningún departametno da Xunta porde reter crédito (RC) para novos gastos, tampouco pode aprobalos (A), nin reservar fondos para novos compromisos de gasto (D). No caso cos capítulos VI e VII das contas públicas -investimentos reais e transferencias de capital- as restricións esténdense tamén aos documentos DOK e ADOK, isto é, ao recoñecemento de novas débedas (O) ou á emisión de novas ordes de pagamento (K).

Quere isto dicir, polo tanto, que as finanzas da Xunta fican absolutamente paralizadas ata o ano que vén? Non, ou cando menos non estritamente. Na maior parte das áreas do gasto público este 7 de novembro é fin de ano e non chegará o aninovo ata mediados de xaneiro. Mentres as facturas xerais agardan pola apertura das portas dos cartos estes seguirán fluíndo se é para sufragar gastos "que teñan a súa orixe en sentenzas xudiciais", se están previstos no plan de financiamento do sistema universitario ou se corresponden a partidas de dependencia, renda de integración, pensións non contributivas e axudas de emerxencia social. Do mesmo xeito, a orde establece -como o ano pasado- que se sigan atendendo os gastos de comedores escolares, transporte escolar, "gastos de funcionamento dos centros e subvencións a centros concertados", así como as farmacias hospitalarias, as receitas médicas e, en xeral, gastos ineludibles ou financiados por outras Administracións. Para o resto, o ano rematou.

Feijóo, coa conselleira de Facenda no Consello © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.