A Xunta pecha o ano do récord da débeda incrementándoa un 8%

Billetes de diversos valores © FNMT

A menor ritmo, pero segue o incremento. O Banco de España vén de facer públicos os datos da débeda autonómica do último trimestre do ano 2014, que veñen constatar que o endebedamento da Xunta volve pechar un novo exercicio por riba do anterior. Nesta ocasión o montante total da débeda da Administración autonómica galega situouse de novo preto do simbólico limiar dos 10.000 millóns de euros. Son, concretamente, 9.961, o que supón un 8,1% máis a respecto do remate de 2013.

Estas cifras de débeda prodúcense no remate dun ano no que a Facenda autonómica bateu todos seus récords neste ámbito. Segundo as cifras máis recentes do regulador no primeiro trimestre do pasado ano o endebedamento galego tocou teito ao acadar os 10.109 millóns de euros. No segundo trimestre baixou un chisco e quedou en 9.911. O descenso continuou no terceiro trimestre, ata 9.816, pero no cuarto a evolución volveu ser positiva, culminando nos devanditos 9.961 millóns de euros.

Durante 2014 a débeda galega chegou a superar os 10.000 millóns e rematou o ano en 9.961, un 152% máis que en 2008

Mentres dende a Xunta se insiste en que a súa "política" é de "control do endebedamento" unha ollada cara a atrás permite saber que este volume de débeda é case un 152% superior á do remate de 2008, último exercicio económico completo anterior á chegada do Goberno que preside Alberto Núñez Feijóo, cando ascendía a algo máis de 3.900 millóns. Nese ano o incremento fora dun 6,51% a respecto do anterior, e a finais de 2009 a suba xa roldou o 23%. Entre 2009 e 2010, ano no que rexeron os primeiros Orzamentos do gabinete do PP, a suba superou o 27% e en 2011 quedou no 14,4%. Tras un repunte en 2012, no que o incremento se achegou ao 18%, a diferenza interanual en 2013 foi do 10,7% e en 2014 rematou no devandito 8,1%.

Xunto á fotografía dos valores absolutos da débeda sitúase a do seu peso sobre o total o PIB galego, dato ao que a Xunta alude recorrentemente e que, neste caso, tamén supón un novo récord anual. A débeda supón xa un 18% do total da riqueza do país e, aínda que segue por baixo da media estatal, situada no 22,4%, sufriu unha suba de 1,2 puntos a respecto de 2013. Asemade, os datos oficiais desmenten que a xestión financeira da Xunta, tamén neste ámbito, lle outorgue a Galicia o liderado a respecto das demais comunidades autónomas, toda vez que ata en sete autonomías (Navarra, Castilla y León, La Rioja, Asturias, Canarias, Euskadi e Madrid) o peso da débeda sobre o PIB é menor.

A Xunta errou na súa previsión sobre o peso da débeda para o final de 2014

Con todos estes números sobre a mesa a Xunta obvia que errou nas previsións que lanzou a comezos de 2014, cando auguraba que o peso da débeda sobre o PIB a finais de ano ía ser do 17,7%, e bota man novamente do optimismo sobre a súa xestión. Así, a través dun comunicado a Consellería de Facenda argumenta que Galicia é "a comunidade de réxime común", isto é, das que non contan con réxime foral, como o de Euskadi e Navarra, "que menos incrementou o sen endebedamento no ano 2014", toda vez que a suba do 1,2 puntos sobre o PIB é a metade da media.

A redución da reducida débeda das empresas públicas "á metade no último ano, pasando dunha ratio do 0,2% ao 0,1%" sérvelle a Facenda para subliñar que "Galicia segue apostando pola transparencia e non concentra endebedamento nas empresas públicas, cunha redución acumulada do 75% dende 2009". A Consellería reitera, ademais, que "a comunidade galega vén mantendo unha política de control do endebedamento e do déficit público".

Rueda, Feijóo e o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.