A Xunta perdeu 80 millóns de euros por avalar a 30 empresas

Empresas nas que a Xunta perdeu os avais que lles outorgou Dominio Público Consello de Contas

O Consello de Contas, o órgano fiscalizador das administracións galegas, vén de certificar que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), dependente da Consellería de Economía, perdeu uns 80 millóns de euros por avalar operacións logo fracasadas dunha trintena de empresas. Contas lamenta que o Igape non lle facilita a información que lle reclamou para coñecer “os motivos que impediron o resarcimento das cantidades desembolsadas”, polo que o organismo fiscalizador “non pode emitir opinión sobre a correcta ou incorrecta actuación” da Xunta “no exercicio das accións de reembolso”.

Contas censura que o Igape non lle facilita a documentación que precisa para supervisar o seu funcionamento e cuestiona a coordinación das axudas dos distintos departamentos da Xunta

O Igape comezou a avalar empresas en 1994 e desde aquela outorgou garantías por un importe total de 679 millóns de euros ata finais de 2015, data na que remata a fiscalización que Contas vén de entregar hai uns días no Parlamento de Galicia. Dese importe, 82 millóns, o 12 por cento do total, xa son dados por perdidos, mentres que outros 55 millóns “está en risco de resultar falido [sic], ben por ter sido reclamado o seu pagamento polas entidades financeiras, ben porque existe un alto risco de reclamación”, di Contas. Dos 82 millóns xa executados, o Igape só conseguiu que se lle reembolsaran ás arcas públicas unha pequena parte, uns 6,6 millóns, a maioría deles, 5,3 millóns, a través de bens materiais.

No seu informe, Contas publica o listado das empresas nas que a Xunta perdeu os cartos. O maior importe, 32,2 millóns de euros, foi a parar á conserveira Alfageme, liquidada hai un ano tras un longo proceso concursal. A segunda maior cantidade perdida foron os 21,4 millóns de euros que a Xunta dedicou nos anos 90 a avalar cotas lácteas que logo non se obterían. Xunto con esa operación, o listado só inclúe outro aval colectivo no que se perdesen cartos, o outorgado a afectados polo afundimento do Mar Exeo, no que só un expediente resultou fracasado, por menos de 18.000 euros. O resto de avais perdidos foron parar a empresas individuais, en dez casos con importes superiores ao millón de euros.

Coincidindo coa crise económica, a Xunta incrementou o emprego de avais en lugar de outros instrumentos de axuda ás empresas xa que aqueles só afectan ao déficit cando se perden

Segundo Contas, coincidindo coa crise económica a Xunta incrementou o emprego de avais en lugar de outros instrumentos de axuda ás empresas xa que aqueles “non afectan o déficit nin a débeda no momento da súa concesión”, malia que si o fan máis adiante se non se recuperan. Xunto cos avais, a Xunta tamén achega fondos públicos a empresas galegas a través dos diversos fondos de capital risco nos que participa. A finais de 2015 a participación da Xunta no capital de empresas a través dese mecanismo ascendía a 183,4 millóns de euros, pero deles “as perdas representaban o 59 por cento (108,8 millóns), como consecuencia das insolvencias e deterioros nos investimentos realizados polos fondos participados”.

Canto á falta de transparencia da Xunta sobre os seus avais, segundo Contas, o Igape non lle facilitou toda a información que lle reclamou o que “non permite coñecer cales son os motivos que impediron o resarcimento das cantidades desembolsadas e non se pode emitir opinión sobre a correcta ou incorrecta actuación no exercicio das accións de reembolso”. Pero esta non é a única información que Contas non obtivo do Igape. O órgano fiscalizador tamén censura que non logrou toda a documentación que precisaba sobre outras posibles axudas outorgadas pola Xunta aos beneficiarios dos avais. O Igape tampouco lle facilitou a Contas os “plans e programas de actuación anual e trienal” cos que supostamente traballou durante os exercicios fiscalizados nin foi quen de darlle “información sobre a existencia de instrumentos de coordinación das distintas medidas de promoción empresarial adoptadas polo Igape, as consellerías sectoriais e Xesgalicia”. “A ausencia de resposta á petición de información sobre outros apoios económicos así como sobre o grao de cumprimento das empresas, impediu alcanzar o obxectivo de cuantificar os apoios globais concedidos a cada empresa así como avaliar o grao de cumprimento das obrigas contraídas co Igape por parte das empresas avaladas”, censura Contas.

Empresas nas que a Xunta perdeu os avais que lles outorgou Dominio Público Consello de Contas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.