A Xunta prescindiu de máis de 4.000 empregados dende 2010

Protesta de empregados públicos en San Caetano CC-BY-SA Merixo

"Non hai nin ERE nin despedimentos". O director xeral da Función Pública da Xunta, José María Barreiro, repetiu en diversas ocasións, como o propio presidente, que a tesoira non se estaba poñendo a funcionar no cadro de persoal da Administración autonómica. "Amortizacións", "racionalizacións" e termos semellantes son empregados con asiduidade dende San Caetano para contrarrestar as críticas dos sindicatos, que aseguran contar con datos de que os despedimentos existen. Con ou sen despedimentos, o propio Goberno galego vén de recoñecer que en apenas catro anos aplicou unha importante redución no número de empregados e empregadas públicas.

O dato non chegou nunha rolda de prensa, nin sequera nun debate no Parlamento. Fíxoo a través dunha resposta parlamentaria escrita, documentos que adoitan pasar desapercibidos para a opinión pública, neste caso a instancias da deputada do PSdeG Beatriz Sestayo. A socialista cuestionaba o Goberno polo volume do seu cadro de persoal dende 2010 ata a actualidade e a resposta amosa ás claras que a Xunta prescindiu dun total de 4.164 empregados e empregadas nese período, o que implica unha rdución do 4,6%.

A Xunta ten actualmente un cadro de persoal formado por 87.026 persoas

Nomeadamente, no ano 2010 -primeiro no que a Xunta se administrou con orzamentos elaborados polo Goberno de Feijóo- traballaban ao servizo da Administración autonómica 91.190 persoas, segundo os mesmos datos oficiais. Un ano despois, en 2011, esa cifra xa se reducira ata 89.219 e en 2012 a tesoira deixounos en 87.714. A tendencia non se invertiu tras o período electoral. Así, o Goberno galego sinala que a comezos do presente 2013 a Xunta contaba con 87.026 traballadores e traballadoras. A redución obsérvase tamén cunha ollada ao anexo de persoal dos Orzamentos da Xunta. Só na Administración xeral -excluídos organismos autónomos-, pasouse dun plantel de 52.222 persoas en 2010 a 49.681 en 2013.

Xunto a este adelgazamento do cadro de persoal, os funcionarios e persoal laboral que quedan na Administración están a facer fronte a notables recortes nas súas remuneracións e dereitos sociais. Así, por exemplo, dende maio de 2012 a retallada no salario durante as baixas por enfermidade. Ademais, dous meses despois das eleccións do 21 de outubro, o Goberno anunciaba un recorte medio do 4% no salario do seu persoal, o cal incluíu medidas como a rebaixa na paga extra sen que o Estado obrigase a facelo. Do mesmo xeito, neste mes de febreiro a Consellería de Traballo estreou a reforma laboral para despedir unha vintena de traballadores e traballadoras.

Protesta de empregados públicos en San Caetano CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.