A Xunta prevé que a suba dos combustibles supere en 8 millóns a rebaixa do IRPF

A conselleira de Facenda presenta os Orzamentos ante Feijóo © Conchi Paz

"É mentira". O economista Manuel Lago expresábase deste contundente xeito ao ser preguntado por Praza Pública hai poucos días a respecto da rebaixa de impostos anunciada por Alberto Núñez Feijóo no debate de política xeral. Esa rebaixa fiscal non era tal, aseguraba, toda vez que o recorte no IRPF combinado coa suba do imposto de hidrocarburos supuña tan só unha "redistribución da carga fiscal" que ademais é "inxusta", porque cambia "impostos directos por indirectos e prexudica as persoas con menos nivel de renda". As primeiras cifras oficiais dos Orzamentos Xerais para 2014 véñenlle dar a razón aos analistas que, como Lago, viron no anuncio do presidente pouco máis ca un xogo de apariencias.

O propio titular da Xunta e a conselleira de Facenda, Elena Muñoz, adiantaron este venres algunhas das grandes cifras das contas do vindeiro ano, acabadas de aprobar no Consello da Xunta e que este sábado comezarán a súa tramitación parlamentaria. Malia non ofrecer grandes detalles si foi posible coñecer, a preguntas da prensa, a estimación do "impacto" que terá nas arcas públicas o anuncio estrela do presidente no Parlamento. Segundo Muñoz a rebaixa do IRPF para as bases impoñibles inferiores a 17.700 euros terá "un impacto máximo de 45 millóns de euros", "estimación prudente" do que o Goberno prevé deixar de ingresar.

O Goberno prevé deixar de percibir 45 millóns pola rebaixa do IRPF e sumar 53 polo incremento do imposto de hidrocarburos

Fronte a estes 45 millóns sitúase outra estimación: os 53 millóns de euros que a propia Consellería de Facenda prevé ingresar a maiores cada ano co incremento dos tributos sobre os combustibles. Así as cousas, prodúcese unha diferenza de 8 millóns de euros a favor da Xunta que non son especialmente significativos no medio dos 8.391 millóns dos que disporá a Administración autonómica no vindeiro exercicio económico, pero que si resultan significativos en termos de política tributaria: substitúense parte dos ingresos procedentes dun imposto progresivo como o da renda -máis gravoso para as rendas máis altas- por outros derivados dun imposto que paga toda a poboación, con independencia do seu nivel de ingresos.

Menos cartos para investir e máis gasto financeiro

Os devanditos 8.381 millóns de euros son o montante que conforma a previsión de gasto non financeiro que a Xunta prevé para 2014, isto é, os cartos que poderá investir nas diferentes áreas do Goberno. Este montante implica unha redución de 89 millóns a respecto de 2013, un recorte do 1,1% que, segundo Feijóo, é "o que lle corresponde a Galicia" para cumprir coa súa parte do déficit público estatal. A baixada, aínda que leve, dos cartos para investir contrasta coa suba dun 17,5% do gasto financeiro, o diñeiro dedicado á emisión de débeda, pagamento de xuros ou outras operacións crediticias.

O gasto financeiro sobe un 17,5% e o non financeiro cae un 1,1%

Preguntada ao respecto desta nova suba do gasto financeiro , a conselleira non se estendeu en explicacións. Muñoz limítase a constatar que a suba do gasto financeiro en Galicia "foi o menor de todas as comunidades autónomas en 2013" porque "fomos quen de conter esa evolución". "Pero o incremento da débeda pública, ese incremento controlado, permite tamén que temñamos un incremento controlado do gasto financeiro", argumenta.

Coa lenda "non todas somos iguais" ilustrando a presentación, a conselleira debullou tamén algunhas das previsións macroeconómicas para o vindeiro ano e xa avanzadas nos últimos días, tales como unha previsión de crecemento do PIB do 0,8% -para 2013 prevérase un decrecemento do 1,2%- e unha taxa de paro do 21,7%, cinco décimas menos que a do exercicio económico que agora remata. Como adoito, o presidente asegura que as súas contas públicas "blindan" os servizos públicos e, ademais, desta volta, "inicician o camiño da recuperación económica". Tras os anuncios, a partir deste sábado será posible consultar a letra miúda do proxecto.

A conselleira de Facenda presenta os Orzamentos ante Feijóo © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.