A Xunta privatiza a xestión das reclamacións das preferentes

Concentración dos afectados polas preferentes na Coruña © Praza Pública

As preferentes. Mentres o incerto futuro de Novagalicia Banco semella relativamente desaparecido da campaña electoral e totalmente eliminado dos discursos gobernamentais, as protestas das persoas afectadas polas participacións preferentes, os produtos de investimento perpetuo que lle foron colocados a milleiros de persoas que descoñecían o que asinaban, están a ser un dos berros máis constantes -e tamén máis molestos- para o Goberno galego e, por extensión, para o partido que os sustenta. Mentres estes pequenos aforradores claman polos seus cartos e perseguen a Alberto Núñez Feijóo alí onde vai dar un mitin, o Instituto Galego de Consumo (IGC), organismo dependente da Consellería de Industria que xestiona a arbitraxe entre os clientes e a entidade bancaria, vén de tomar unha decisión: privatizar parte da asistencia aos afectados.

Os trámites para iniciar a contratación comezaron o pasado día 2 -se ben o prego de condicións foi asinado o 12 de setembro- e van por trámite de urxencia. O IGC farase cos servizos dunha empresa privada que, mentres paira sobre o sector público a posibilidade de reducións de planteis, lle proporcione persoal de "apoio e reforzo para a tramitación de expedientes de arbitraxe de consumo relacionados coa comercialización das participacións preferentes e obrigas subordinadas". A cantidade que Consumo destinará a esta operación non é desprezable: ata 60.360 euros que, unha vez engadido o correspondente 21% de IVE, chegan a un montante de 73.035,60. Os cartos sairán do programa orzamentario que o IGC dedica a "ordenación, información e defensa do consumidor", nomeadamente do apartado "outros investimentos", que nos Orzamentos da Xunta para 2012 estaba dotado con 124.022 euros.

A Xunta gastará ata 73.035 euros na contratación da empresa privada, que lle proporcionará once traballadores

Pero, que contrata exactamente a Xunta? Os servizos dunha empresa que lle achegue persoal con "formación especializada en materia de produtos financeiros" e con condicións laborais, como os horarios, sensiblemente peores que os dun traballador ou traballadora da Administración. Concretamente, Consumo solicita seis "licenciados en Dereito", un "licenciado en Administración e Dirección de Empresas e/ou Dereito" que "exercerá as funcións de coordinador", e catro "administrativos", que ademais da formación financeira deberán ter "coñecementos de informática en varios programas de Microsoft: "Word, Excell, PowerPoint e Acces, a nivel usuario". As xornadas laborais das once persoas serán dun "mínimo" de oito horas, de luns a venres.

O labor da empresa contratada consistirá, segundo consta no prego de condicións da licitación, na "recepción, ordenación, clasificación e busca da lexislación aplicable" á devandita arbitraxe, a "introdución dos datos identificativos dos expedientes no soporte informático", a "comunicación cos afectados para información previa da oferta da entidade bancaria" e "citación e fixación da data para o acto da audiencia arbitral" e "apoio nas notificacións de laudos e arquivo de expedientes". Para "elaborar unha estatística das audiencias arbitrais", a empresa terá que achegarlle "semanalmente" ao IGC "a distribución xeográfica, por concellos e provincias, dos expedientes de arbitraxe presentados", e o "número de audiencias celebradas" e de "laudos arbitrais ditados".

Dado o carácter urxente do contrato, todo isto acontecerá de inmediato e durante un máximo de "dous meses e medio" que non poderán exceder, en ningún caso, do 31 de decembro. Durante este tempo o persoal da empresa contratada prestará os seus servizos "nas dependencias do Instituto Galego de Consumo" pero "dun xeito claramente separado das dependencias nas que o IGC exerce as súas competencias". Segundo Industria, este emprazamento do persoal privado en sede pública ten a fin de "garantir unha axeitada coordinación entre a empresa" e o IGC.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.