A Xunta privilexia a Microsoft nun macrocontrato para mercar ata 6.000 ordenadores

Fragmento das condicións da compra dos ordenadores, coa referencia a Windows CC-BY-SA Praza Pública

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), o organismo que aglutina as competencias da Xunta na área da informática e as comunicacións, vén de iniciar os trámites para establecer, con varias empresas, un "acordo marco" para avanzar na "modernización progresiva" do "parque informático da Administración". Trátase dun macrocontrato de 5,4 millóns de euros -sen contar IVE- que, dividido en sete lotes, implicará a adquisición de ata 6.000 ordenadores de diferentes tipos. As compañías que queiran optar ao contrato teñen unha condición de partida: as que non traballen con produtos da multinacional norteamericana Microsoft non poderán optar á adxudicación.

Como vén sendo habitual dende a extensión dos equipamentos informáticos na Xunta -así como noutras administracións públicas-, Microsoft é privilexiada, pola vía dos feitos, neste tipo de contratacións. Non en van, nos ata seis tipos de ordenadores que vai mercar a Amtega -o sétimo lote é de escáneres de sobremesa- existe unha característica común: todos eles teñen que traer consigo a súa correspondente licenza de Windows 10, o sistema operativo emblema de Microsoft, coa posibilidade de pasala á versión Windows 7 Professional.

As empresas que non ofrezan o sistema operativo de Microsoft non poderán optar a este contrato, que supera os 5 millóns de euros

Así as cousas, non existirá opción de que as empresas interesadas lle ofrezan ao Goberno solucións alternativas -baseadas, por exemplo en sistemas operativos libres e adaptados á Administración autonómica ou noutros de tipo privativo- para subministrar os ata 3.700 ordenadores persoais básicos que prevé adquirir por uns 750 euros cada un. O mesmo sucede cos 600 computadores "avanzados", duns 1.000 euros por máquina, cos 900 ordenadores para aulas -con prezos unitarios duns 850 euros sen IVE-, con 200 portátiles por cadanseus 1.000 euros, con medio milleiro máis de portátiles con diversos accesorios -cada paquete por 1.500 euros- ou con 100 portátiles "convertibles en tablet" para os que reserva 1.400 euros por equipo.

Ao contrario que en anteriores compras, Amtega agora tamén pide, xunto a Windows, compatibilidade con sistemas operativos libres

Cinco dos seis lotes de ordenadores que a Xunta se dispón a mercar inclúen entre as súas esixencias mínimas, non obstante, un requisito que non existira en anteriores compras deste tipo. Así os ordenadores de sobremesa para departamentos administrativos e os concibidos para instalar en aulas deben vir cun hardware "compatible" e que "funcione axeitadamente con Linux", o popular sistema operativo baseado en software libre. Do mesmo xeito, nos escáneres de sobremesa -Amtega prevé mercar ata 500-, as condicións do contrato "valoran" o seu bo funcionamento con Linux e, máis concretamente, cunha das súas distribucións máis estendidas, Ubuntu.

Unha vez adxudicados os diferentes lotes do contrato, as empresas seleccionadas terán que xestionar os equipos vellos, instalar os novos e encargarse do servizo técnico. A Xunta prevé que este acordo marco, para o que as empresas poden presentar ofertas ata o vindeiro 13 de xuño, dure dous anos. A Amtega prevé seleccionar tres empresas para cada lote.

Rueda e a responsable de Amtega, Mar Pereira, no posto informático dunha funcionaria © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.