A Xunta quere gastar 12 millóns de euros en neve artificial en Manzaneda

Produción de neve artificial © http://www.manzaneda.com/

Pode haber recortes, pero para neve si hai cartos. MEISA, a empresa pública propietaria da Estación de Esquí e Montaña de Manzaneda, participada de forma maioritaria pola Xunta, quere levar a cabo un proxecto de innivación artificial, é dicir, de creación de neve artificial, que aínda debe superar unha Avaliación de Impacto Ambiental Ordinaria. O plan ten un custe de máis de 12 millóns de euros e baséase na construción dunha balsa de almacenamento de auga cunha capacidade de 50.000 metros cúbicos coa que alimentar o sistema de xeración de neve artificial para a innivación de 7.187 m de pistas, cunha superficie de 239.050 metros cadrados.

"Na actual situación de crise económica e recortes do estado do benestar resulta incomprensible e indignante que se pretendan depilfarrar 12 millóns de euros nun proxecto sen garantías de viabilidade técnica, ambiental e económica"

A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) vén de solicitar que se desbote totalmente o proxecto do que critica, en primeiro lugar, o seu excesivo custe. A entidade destaca que "na actual situación de crise económica e recortes draconianos do estado do benestar" resulta "incomprensible e indignante" que "se pretendan depilfarrar máis de 12 millóns de euros nun proxecto sen as máis mínimas garantías de viabilidade técnica, ambiental e económica".

Ademais, nun documento remitido á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que debe realizar a avaliación de impacto ambiental, Serafín González Prieto, presidente da SGHN, critica que no proxecto "non se contempla a alternativa cero de non execución", e que o plan de viabilidade non fai referencia ningunha aos "efectos que tería sobre o rexime de chuvias e de temperaturas na zona, malia a súa importancia transcendental para a dispoñibilidade de auga e a viabilidade técnica e económica do proxecto".

Xa en 2006, propúxose un plan semellante para a xeración de neve artificial, que daquela foi rexeitado por un informe desfavorable da Consellería de Medio Ambiente

A entidade lembra que nas últimas décadas a falta de neve revelou en varias ocasións como inviable esta estación de esquí, a única existente en Galicia, inaugurada en 1972. Xa en 2006, propúxose un plan semellante para a xeración de neve artificial, que daquela foi rexeitado por un informe desfavorable da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible. 

 

Trinta anos de inxección de cartos públicos

A historia desta estación, sobre todo nos últimos 25 anos, é a historia dun saco sen fondo para os cartos públicos. MEISA constituíuse en maio de 1972, co impulso dun grupo de afeccionados á montaña e aos deportes de inverno, e co apoio de varios empresarios ourensáns, nomeadamente José Luis Outeiriño, presidente de La Región. O seu capital inicial foi de 15 millóns de pesetas, que con sucesivas ampliacións se converteron en 500 millóns. As décadas dos setenta e os oitenta foron anos de crecemento e dunha ocupación aceptable para a estación, que mesmo chegou a obter beneficios económicos en 1986.

En 1990 a compañía tivo que ser rescatada polo Goberno galego, que se converteu en accionista maioritario

Porén, a falta de neve e a mellora das comunicacións, que fixeron moito máis doado achegarse a outras estacións de esquí con mellores condicións, provocaron unha grave crise en MEISA, que comezou a necesitar periódicas inxeccións de fondos públicos para non pechar. En 1987 recibiu, por exemplo 65 millóns de euros da Xunta, para paliar as perdas xeradas por un inverno cálido. En 1990 a compañía tivo que ser rescatada polo Goberno galego, que se converteu en accionista maioritario, nunha empresa pública tamén participada pola Deputación de Ourense, que anos despois abandonou. As inxeccións de cartos seguiron nos anos seguintes, e só entre 2009 e 2012 a Xunta achegou máis de seis millóns de euros para garantir a viabilidade do complexo, que serviron para equilibrar as perdas acumuladas nos 16 anos anteriores.

Só entre 2009 e 2012 a Xunta achegou máis de seis millóns de euros para garantir a viabilidade do complexo

As dificultades económicas e a ausencia de neve fixeron emerxer, ademais, un intenso debate sobre os usos que se lle poderían dar a este espazo, se cadra menos centrado nos deportes que dependen da existencia de importantes cantidades de neve e si dirixido a explotar outras posibilidades relacionadas coas actividades de aventura e o montañismo. Porén, dende a empresa lévase anos insistindo en grandes proxectos de xeración de neve artificial.

Manzaneda, con neve © http://www.manzaneda.com/
Produción de neve artificial © http://www.manzaneda.com/
En Manzaneda lévanse a cabo todo tipo de actividades deportivas © http://www.manzaneda.com/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.