A Xunta recorta 160 millóns nas consellerías sociais para 2013

Muñoz, en presenza de Feijóo tras a aprobación inicial das contas © Ana Varela

Novas contas públicas e novo recorte. A conselleira de Facenda entregou este venres no Parlamento os Orzamentos Xerais para 2013 e unha primeira ollada ás grandes cifras permite concluír que, de ser aprobado sen variacións, o proxecto suporá unha retallada adicional no ámbito social que podería chegar aos 159,5 millóns de euros. Este é o resultado de sumar as caídas que experimentan en termos absolutos as consellerías de Sanidade, Traballo e Benestar e Educación, que veñen asumir o 71,6% do recorte total, cifrado pola Xunta en 222 millóns.

Segundo os datos facilitados polo Goberno galego relativos ao orzamento axustado, isto é, cos cartos agrupados na actual estrutura do Goberno, Cultura e Educación deixa polo camiño 96,5 millóns, Sanidade perde 51 e Traballo e Benestar cae 12 millóns de euros. En termos relativos a posición destes departamento é dispar á hora de comparar a caída co resto de consellerías. Así, a perda dun 4,30% dos seus fondos sitúa a Cultura e Educación no segundo posto das rebaixas, só superada por Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, á que lle recortan un 13% que supón 65,7 millóns de euros. No sexto posto do recorte está Traballo e Benestar, cun 1,60% e no sétimo, Sanidade, que cae un 1,50%.

As consellerías sociais asumen o 71,6% do recorte global das contas públicas

De todos estes recortes o máis complexo de analizar é o educativo, dado que os de 2013 son os primeiros Orzamentos nos que as competencias de Cultura e Educación están agrupadas. Non obstante, no resumo dos créditos orzamentarios por funcións é posible atopar que no ano que remata o concepto "Cultura" contaba con 79,9 millóns de euros e que nas novas contas queda en 61,3. Así as cousas, ao restarlle esta caída de 18,6 millóns de euros cabe deducir que o recorte puramente educativo é de, cando menos, 77,9 millóns de euros.

Deste contexto xeral de caídas só se salva unha consellería, a de Facenda, que contará en 2013 cun 4,50% máis de fondos, o que se traduce en 2,3 millóns de euros. A súa titular, Elena Muñoz, obvia os recortes para manter que "as consellerías dedicadas ao gasto social incrementan o seu peso -o gasto total cae en máis de 200 millóns- e polo tanto mantemos eses orzamentos sociais" porque case "oito de cada dez euros se dedican ao gasto social" e ademais, defende, "a baixada de Sanidade está moi por baixo da baixada do orzamento global". "Estamos preservando a esa Consellería, como a Traballo e a Educación", asegura.

M.A.T.I -13% -65,7M€
Cultura e Educación -4,30% -96,5M€
Economía e Industria -4% -7,2M€
Vicepresidencia e Presidencia -3,20% -6,8M€
Presidencia da Xunta -3,20% -5,7M€
Traballo e Benestar -1,60% -12M€
Sanidade -1,50% -51M€
Medio Rural e Mar -1,30% -8,1M€
Facenda +4,50% +2,3M€

 

Fonte: Consellería de Facenda (premer para ampliar) CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.