A Xustiza comeza a anular despedimentos na axencia de Medio Rural que botou 23 persoas

Mobilización do persoal de Agader ante o Parlamento CC-BY-NC-SA CIG

O pasado novembro a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) aprobaba a súa nova relación de postos de traballo, unha reorganización de persoal da que desaparecían vinte e tres postos de traballo, correspondentes a persoal que desenvolvera o seu labor nos centros comarcais creados polos gobernos de Fraga. Eran vinte e tres despedimentos que afectaban, segundo denunciaban daquela a CIG e CC.OO., a persoas que pleitearan con anterioridade contra o Goberno galego por conflitos laborais ou ben que se incorporaran durante o mandato do bipartito. Ademais, tres das despedidas foron á rúa xusto despois de chegaren da súa baixa de maternidade. Agora a Xustiza comeza a anular eses despedimentos.

Esta semana as centrais sindicais recibiron dende os xulgados de Ourense a notificación das "primeiras sentenzas que declaran nulos os despedimentos en Agader" das persoas que "casualmente, gañaran con anterioridade xuízos por outras ilegalidades da Xunta". Neste contexto, dende a CIG o seu secretario de organización en Compostela, Renato Núñez, coida que "a Administración debe proceder á readmisión inmediata de todo o persoal que quedou sen posto de traballo por por dunha decisión arbitraria". Con esa reclamación concorda tamén Comisións, en cuxa opinión Medio Rural debe "readmitir de inmediato a todo o persoal despedido inxustamente" nas "mesmas condicións que tiñan". Ademais, din, débese "Abrir un proceso de interlocución coas organizacións sindicais" para que a Xunta "non siga dilapidando fondos públicos" por mor de "decisións caprichosas e arbitrarias" de Agader".

A CIG reclama a readmisión do persoal, que "casualmente gañara con anterioridade xuízos por outras ilegalidades da Xunta"

Trátase, explica o sindicato, de "evitar" que os traballadores e traballadoras que aínda non recibiron os seus ditames xudiciais teñan "que agardar a que se vaian facendo públicas as sentenzas" para ratificar a nulidade dos seus despedimentos. Ademais, abonda Núñez, cómpre lembrar que este despedimento colectivo foi "o último paso" tras "un ano de constantes discriminacións" durante o que, por exemplo, nos centros comarcais se chegou a "dar de baixa a limpeza, a auga, a luz a e a calefacción, impedindo o normal desenvolvemento do traballo que se viña realizando".

Neste contexto, a CIG ve confirmado que Agader "recorreu á crise como escusa para xustificar estes despedimentos" e, ademais, "encubrir unha limpeza de traballadoras e traballadores que denunciaran con anterioridade". Estes conflitos laborais anteriores producíanse nun contexto no que a Xunta si mantivo nos seus postos os altos dirixentes dos organismos que foron absorbidos por Agader no proceso de adelgazamento da Administración autonómica, como Sodeco ou o Banco de Terras, así como os antigos xerentes das fundacións comarcais, cuxa extinción xa fora decidida polo bipartito. Na actualidade, segundo consta nos Orzamentos da Xunta para 2013, Agader ten un cadro de persoal formado por 87 traballadores e traballadoras que neste intre non teñen un secretario xeral ao mando, toda vez que Isaías Calvo, titular do posto, renunciou a el o pasado día 25.

Mobilización do persoal de Agader ante o Parlamento CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.